O concelleiro de facenda xa tarda en convocar a comisión informativa e en instalar unha oficina de información para explicar as notificacións recibidas polos veciños


O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, empraza a Alberto Blanco, concelleiro de facenda, “a convocar xa a comisión de facenda para explicar con pelos e sinais as notificacións que están recibindo os veciños e veciñas da Estrada”.

“No BNG”, engadiu o concelleiro nacionalista, “temos constancia de notificacións recibidas que nada teñen a ver con actualizacións de datos, é dicir, ampliacións, reformas, etc, como afirma o concelleiro de facenda, nin cos cambios de clasificación que trouxo a aprobación do PXOM, e de aí a alarma que hai entre os estradenses que recibiron estas notificacións con valoracións que nalgún caso case duplican o valor catastral de 2013 e outras subidas máis moderas, pero que superan o aprobado polo PP do 10% para todos os valores catastrais”.

“Por outra parte”, afirmou Magariños, “nos casos onde si hai actualización do valor polas melloras e cambios sufridos nos últimos anos, pesamos que é unha estafa aos veciños que estas actualizacións se fagan sobre unha ponencia de valores do ano 1996, é dicir, de hai 18 anos, feita en plena burbulla inmobiliaria, e feita ás agachadas e con sobrevaloración catastral como ten demostrado un informe pagado polo concello no ano 2004”.

O concelleiro nacionalista insistiu en que é importante aclararlle aos veciños estas notificacións, nestes sentido Magariños afirmou que “xa tarda o concello en proporcionar aos veciños e veciñas unha oficina de información para atender calquera dúbida que haxa sobre estas notificacións, porque remitilos ao ORAL non lle vai solucionar nada, xa que esta oficina só recada impostos, e dubido moito que lle poidan aclarar como se calculou ese novo valor catastral de 2014”.

Advertisements