Ao PP non lle interesa o máis mínimo reforzar a seguranza vial do acceso ao centro médico do Souto de Vea


Para o PP e o alcalde o prioritario son os campos de fútbol e non a seguridade dos veciños e veciñas da Estrada

Centro médico do Souto de VeaO concelleiro do BNG, Xosé Magariños vén de afirmar nunha nota enviada aos medios de comunicación local, que “ao PP non lle interesa o máis mínimo reforzar a seguranza vial no acceso ao centro médico do Souto de Vea”.

Segundo explicou Magariños o BNG rexistrou o pasado mes de febreiro unha pregunta no Parlamento Galego para coñecer os prazos de execución e o cronograma previsto para executar a obra. “A resposta”, explicou o concelleiro nacionalista, “non pode ser máis contraditoria, xa que o 30 de xullo de 2012 declárase a utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola obra, pero a día de hoxe o paso subterráneo proxectado nin está feito nin hai trazas de que se faga, xa que depende da dispoñibilidade orzamentaria, segundo explica a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas”.

“Porén”, engadiu o concelleiro nacionalista, “é curioso que o 30 de maio de 2012 apróbase o proxecto de construción desta obra, valorada en 169.192 euros, pero este orzamento non se chega a executar, malia estar reiteradamente anunciado o inicio desta obra nos medios de comunicación”.

“En resumidas contas”, afirmou Magariños, “que o PP non ten pensado executar esta obra, non a considera prioritaria, malia que esta foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, e malia que, e isto é o máis grave, ese acceso custoulle a vida a un veciño de Vea que ía ao centro médico”.

“Como xa temos afirmado en reiteradas ocasións”, explica o concelleiro do BNG, “as prioridades do PP e do alcalde son os campos de fútbol, e non reforzar a seguranza vial do acceso ao centro médico do Souto de Vea, é dicir, a seguridade dos veciños e veciñas da Estrada.

Advertisements