A xustiza, o mesmo que a administración, debe estar preto do cidadán


A eliminación dos partidos xudiciais e o aumento das taxas xudiciais impedirá que moitos cidadáns poidan acudir perante a xustiza

Foto: Flickr de Certo Xornal

Foto: Flickr de Certo Xornal

“De se aprobar a eliminación dos partidos xudiciais as consecuencias serían moi prexudiciais para a cidadanía”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños. “Ao encarecemento das taxas xudiciais, unha medida aprobada polo PP nesta lexislatura, hai que engadir o desprazamento que moito dos nosos veciños terían que facer a Pontevedra, se desaparece o partido xudicial da Estrada, tal e como está previsto no anteproxecto do goberno de Rajoy.”

“O obxectivo”, explicou Magariños, “non é aforrar, senón todo o contrario, afastar a xustiza da cidadanía e impedir a toda costa que a xente leve perante o xulgado as inxustizas, moitas das cales están producidas polo propia goberno, como poden ser a estafa das preferentes ou os problemas que están a ter os emigrantes retornados”.

“O PP,” engadiu o concelleiro nacionalista, “para aprobar este anteproxecto, alegará que están por unha administración de xustiza máis austera, pero a eliminación dos partidos xudiciais e o aumento das taxas xudiciais, vai no sentido contrario, de facer unha xustiza máis afastada do cidadán e máis inxusta”. “A xustiza o mesmo que a administración debe estar preto do cidadán”, afirmou Xosé Magariños.

Advertisements