O alcalde non pode botar balóns fóra nin fuxir das súas responsabilidades


O BNG pide a convocatoria dun Consello Económico e Social para que o alcalde dea as explicacións oportunas diante dos axentes sociais da Estrada e escoite o que estes lle teñen que dicir

Paseo do AlcaldeO BNG afirmou esta mañá, nunha nota enviada aos medios de comunicación, que “o alcalde non só é un irresponsábel, senón que se adica a botar balóns fóra como se el non fora o culpábel desta situación, que por outra parte, o BNG xa indicou no seu momento que se podería producir”.

“É certo que se na Xunta fixeran ben o seu traballo, agora non estaríamos así, pero tamén é certo que se non lle deran a aprobación definitiva a este PXOM, o concello tería que facer os axustes necesarios para que o ente autonómico dera a súa aprobación definitiva”, explicou Magariños. “É evidente que os intereses políticos do PP primaron por encima do interese xeral, e así estamos agora, cunhas normas urbanísticas de hai 36 anos”, afirmou Magariños.

“Pero ademais”, indicou o concelleiro nacionalista, “este alcalde é un inconsciente, xa que o máis probábel é que o TSXG confirme a suspensión da aprobación definitiva, segundo segundo fontes xurídicas e administrativas consultadas polo BNG”. “E como dixemos no mes de decembro, cando o pleno aprobou este plan, polo ben da Estrada gustaríanos equivocarnos, pero a cousa pinta mal”, manifestou Magariños.

“Insistimos en pedir a dimisión do alcalde, como máximo responsábel deste catástrofe económica e urbanística para a Estrada”, explicou o concelleiro nacionalista, “mais é de urxencia que convoque un Consello Económico e Social para que dea as explicacións oportunas diante dos axentes sociais da Estrada e escoite o que estes lle teñen que dicir”. “A ver se así baixa da nube”, afirmou Magariños, “porque logo de escoitar as declaracións do alcalde parece que vive nun mundo paralelo”.

Advertisements