José Bové e Ana Miranda visitan a cooperativa Monte Cabalar


A candidata do BNG lamentou que a Xunta do PP non impulse máis proxectos como Monte Cabalar moi eficaces para combater o abandono do rural e os incendios forestais

José Bové e Ana Miranda visitan a cooperativa Monte CabalarA primeira hora da mañá de hoxe xoves 1 de maio, Ana Miranda, candidata do BNG ao Parlamento Europeo, e José Bové, lider agrario francés e tamén candidato a eurodeputado, visitaron a Cooperativa Monte Cabalar da Estrada. Nesta visita estiveron acompañados polo concelleiro do BNG da Estrada, Xosé Magariños, por Mar Vila, concelleira do BNG en Dozón, así como representantes da propia cooperativa.

José Bové amosouse moi interesado polo proxecto da Cooperativa e explicou “que en Francia están moi estendidos este tipo de proxectos, xa que son moi eficaces para combater a desertización e o abandono do rural”.

O líder agrario francés, moi coñecido como Asterix, explicou que “este tipo de explotacións en extensivo permiten reducir a pegada de carbono, isto é o reducir o número de emisións de CO2 que se xera para producir, na antítese do que son as grandes explotacións agro-gandeiras”.

José Bové e Ana Miranda visitan a cooperativa Monte CabalarA candidata do BNG, Ana Miranda, explicou “que explotacións coma esta son a mellor política contra os incendios forestais ao manter as terras produtivas e non a monte, como se soe dicir”. Ana Miranda lamentou que “a estas altura so hai catro proxectos como Monte Cabalar en Galiza, a Xunta do PP deixou de impulsar proxectos deste tipo, como fixera o BNG durante o tempo que dirixiu a Consellaría de Medio Rural no período 2005-2009”. E engadiu que “tendo en conta o número de hectáreas de monte completamente abandonado que temos podían usarse unha parte moi importante á agricultura en extensivo como fai a Cooperativa Monte Cabalar”.

Tanto Bové como Ana Miranda afirmaron que coincidiron en afirmar “que de seren eurodeputados a partir do 25M, impulsarán a celebración dunhas xornadas en Bruxelas para estudar e analizar as vantaxes e as problemáticas dos proxectos en extensivo como o da Cooperativa Monte Cabalar”.

Temos que recordar que Monte Cabalar, que se puxo en marcha en 2006, é unha cooperativa de explotación comunitaria da terra que agrupa aproximadamente 3.600 propiedades de máis de 1.000 propietarios nunha explotación gandeira en extensivo con máis de 700 ha de monte fechadas nas parroquias de Somoza, Tabeirós, Nigoi, Arca e Souto (concello da Estrada) co obxectivo de intervir sobre o abandono e o minifundio.