Xosé Magaríños insta ao alcalde a parar en seco as fumigacións das cunetas con herbicidas


A Deputación vai ao barato, pero organizacións ecoloxistas e agrarias denuncian danos no medio ambiente e nos cultivos

fumigacions-depo

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, a través dunha nota enviada aos medios de comunicación insta “ao alcalde a parar a fumigación con herbicidas, que está a facer a Deputación de Pontevedra nas cunetas das estradas do noso concello que son da súa competencia”.

“O BNG”, explicou Magariños, “xa ten denunciado noutra ocasión estes feitos, en concreto cando o Ministerio de Fomento utilizou o mesmo método para eliminar a vexetación das marxes das estradas; malia todo”, engade o concelleiro nacionalista, “o concello segue a permitir este tipo de prácticas que son moi prexudiciais para o medio ambiente, xa que contamina as augas, e para os cultivos que están ás marxes das estradas”.

O concelleiro do BNG denunciou que “a Deputación vai ao barato, pero a medio e longo prazo é o máis caro”. “É obvio”, engadiu”, que a fumigación con herbicidas e máis económico que as desbrozas mecánicas e manuais, pero terribelmente prexudicial para o medioambiente, como teñen denunciado no seu día organizacións ecoloxistas e agrarias”.

Magariños instou ao alcalde, “xa que ten liña directa con el”, a parar en seco estas fumigacións e “a utilizar métodos menos gravosos para o medio ambiente e para a saúde das persoas”. “Ademais,” explicou o concelleiro nacionalista, “a parte de todo o exposto, a imaxe que dan as cunetas queimadas polo herbicida é penosa”.