Sobre o reaxuste das zonas xeográficas de referencia dos colexios escolares


Ante o reaxuste das zonas xeográficas de referencia dos colexios escolares, e ante o inminente contacto da alcaldía da Estrada coas direccións dos colexios de infantil e primaria (CEIPS) para tratar este asunto, o BNG quere transmitir a toda a comunidade escolar deste concello as seguintes reflexións :

  1. Que a redistribución do alumnado é absolutamente imprescindíbel para conseguir que todos os centros públicos do noso concello lle poidan garantir á súa poboación escolar un ensino de calidade, que non estea condicionado por un excesivo número de alumnos por aula, por desprazamentos excesivamente longos, falla de espazos específicos dentro do centro e outros.
  2. O BNG tamén considera que é necesario rendibilizar as infraestruturas existentes, solucionando dunha vez por todas os desequilibrios que actualmente van en aumento entre centros que dispoñen de espazos infrautilizados e outros que van quedando sen eles, co correspondente prexuízo educativo e mesmo económico que isto significa.
  3. Que este tema non terá unha solución satisfactoria para os alumnos e alumnas e as súas familias, se non se parte dun estudo serio e obxectivo sobre variables como a ratio actual dos centros (deberíanse incluso poñer estas ratios en relación cos resultados da avaliación externa anual para ver posíbel relación causa efecto), distancias e tempos de desprazamento desde o domicilio, previsións da demografía escolar cara o futuro e mesmo forma e tempo en que farían os posibles cambios.
  4. O BNG considera que para chegar a solucións satisfactorias e de futuro, cómpre ademais que se activen instancias como o Consello escolar municipal para que tamén teñan voz nesta cuestión que lles afecta directamente.
Advertisements