López bota balóns fóra pola súa xestión na tramitación do PXOM e parapétase detrás dos seus escudeiros


Fronte a privatización e a cesión de competencias propias do concello sempre hai alternativa

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “unha vez máis o alcalde da Estrada non dá a cara, parapetándose detrás dos seus escudeiros, e coma sempre bota balóns fóra sobre a súa responsabilidade na tramitación do PXOM”.

“Así”, engadiu Magariños, “como non pode botarlle a culpa a ningún bipartito, carga as culpas contra a Xunta, o mesmo organismo que el utilizou cando estaba na oposición para torpedear o PXOM que si elaborara o bipartito, do que formaba parte o BNG, e que se non fora pola súa ambición política hoxe estaría aprobado e en execución”.

“Reiteramos unha vez máis que o alcalde non só ten que dar a cara, senón que ten que asumir responsabilidades e dimitir”, afirmou Magariños, “aos veciños e veciñas da Estrada dálle igual quen teña a culpa, o que xa non lle dá igual é que a Estrada quede paralizada pola xestión urbanística que fixo o alcalde da que el é o máximo responsábel”.

Sempre hai alternativa

O portavoz do BNG tamén se referiu aos comentarios feitos por Alberte Blanco sobre a cesión á deputación da recollida do lixo e da recadación de tributos. Magariños afirmou que “sempre hai alternativa á privatización, sempre hai alternativa a que outros recaden por nós os nosos impostos e é facéndoo nós mesmos reforzando eses departamentos con persoal actual do concello”.

“O doado é privatizar e desfacerse de competencias propias do concello”, engadiu Magariños, “pero para iso non necesitamos un alcalde, e ao paso que vai, cedéndolle competencias á Deputación, López acabará sendo unha mera figura decorativa”.

Advertisements