Valoración do consello local do BNG da Estrada sobre os resultados electorais


O consello local do BNG da Estrada reuniuse onte martes para avaliar os resultados das eleccións Europeas.

En primeiro lugar o consello local quere agradecer a todos os militantes e simpatizantes o traballo e entrega durante toda a campaña electoral. Neste proceso electoral podemos dicir con orgullo que o BNG foi a única organización que fixo campaña electoral propiamente dita no noso concello, facendo repartos casa por casa en 40 das 52 parroquias da Estrada. Isto non sería posíbel sen o apoio e o compromiso de militantes e simpatizantes,que recuperaron a ilusión no proxecto político nacionalista que representa o BNG.

En segundo lugar, e avaliando directamente os resultados, temos que dicir que baixar un 2,88% a respecto das eleccións Europeas de 2009 non é un dato positivo, mais tendo en conta todo o ocorrido no seo do BNG ao longo dos últimos cinco anos, esta baixada entraba dentro do previsíbel e o esperado. Con todo, é unha baixada menor á rexistrada nas eleccións Galegas de 2012, o que demostra que o proceso de desgaste sufrido neste proceso estase freando. Neste sentido, cómpre subliñar que se comparamos a porcentaxe acadada nestas eleccións Europeas (8,46%) coa acadada nas Galegas de 2012 (8,30%), vemos que son semellantes, o que vén a demostrar que na Estrada tocamos fondo e que hai un voto nacionalista e de esquerdas consolidado, que hai máis dun 8% de estradenses que á hora de votar fanno en clave de país, fanno pensando en Galiza.

En terceiro lugar, temos que avaliar tamén o contexto económico no que o BNG concorreu a estas eleccións que non foron desde logo as mellores. Neste sentido cómpre destacar que o BNG non recorreu a créditos bancarios, senón que sufragou a campaña cunha aportación económica extraordinaria da militancia. E non só iso, senón que reciclou boa parte da súa publicidade exterior de eleccións anteiores, cousa que non fixeron outros partidos políticos. Tamén hai que destacar que o BNG non enviou mailing ás casas e que sufrimos censura nos medios de comunicación pública e mesmo a criminialización antes e durante campaña electoral por parte do PP en relación a nosa coalición electoral. E por último non queremos esquecernos que a nosa candidata Ana Miranda, non era tertuliana en ningún medio de comunciación de masas, como si o eran outros.

Por todo isto concluímos que cos resultados electorais das Europeas na man podemos afirmar que o BNG está no camiño da recuperación, que será lenta, pero firme, e que xa temos o obxectivo posto nas municipais do vindeiro ano, onde o BNG será chave para rachar coa maioría absoluta do PP.

Advertisements