O BNG propón no Pleno da Estrada finiquitar un réxime herdeiro do franquismo


O BNG da Estrada rexeita por completo o acordo acadado polo PP e o PSOE de “agradecemento aos Reis” e de apoio á coroa

El-trio-la-la-la

A abdicación do Rei é a oportunidade para abrir un novo proceso constituínte no que a monarquía sexa substituída pola república, no que se recoñeza o dereito a decidir das nacións sen estado como Galiza, que permita pór fin á un réxime herdado do franquismo e se limpen as institucións de corrupción.

Un novo proceso constituínte no que a clave é unha profunda democratización das institucións nun marco que só pode ser republicano, que remate coa corrupción sistémica, -incluída a propia Monarquía-, que recoñeza a realidade das nacións que hoxe son negadas polo Estado español, incluído o dereito a decidir e, no caso de Galiza, que recoñeza o dereito a existir dun Estado galego.

Chegou o momento de rematar definitivamente coa herdanza do franquismo, dun réxime baseado nunha transición controlada pola oligarquía e polo exército. Por isto, o BNG non vai aceptar “un cambio cosmético”, unha simple reforma dunha institución recuperada polo franquismo.

A reforma de 1978 consagrou un réxime que agora esta en crise que non pode pecharse cun simples cambio cosmético, cun cambio de caras nunha institución recuperada polo franquismo.

Non se pode bloquear o movemento cidadán que reivindica democracia real, o recoñecemento das nacións e do dereito a decidir.

En consonancia con isto, o BNG propón que o pleno do concello da Estrada acorde que se inste á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado español o inicio dun proceso constituínte onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir.

Por outra parte, o BNG rexeita por completo o acordo acadado polo PP e o PSOE onte no Pleno da Estrada de apoio á monarquía herdada e imposta polo Franquismo e de agradecemento á Coroa polos “servizos prestados”, uns servizos -todo hai que dicilo- moi ben remuerados con cargo ao erario público.

Así mesmo, o BNG non entende como un partido como o Socialista, que se declara “republicano” e democrático, apoia a continuidade dun réxime nas antípodas do seu ideario político, monárquico e democrático, pero só nas formas.