O BNG presentará por urxencia unha moción para parar o cobro dos recibos das fincas situadas na Cidade do Móbel


Solicita a revogación dos recibos do Imposto de Bens Inmobles de Urbana correspondentes ao exercicio 2014

O BNG insta á Xerencia Territorial do Catastro a que proceda a nulidade da cualificación, a efectos catastrais, como solo de natureza urbana as fincas situadas na Cidade do Moble en aplicación da sentenza do Tribunal Supremo 2159/2014 do día 30 de maio de 2014

O Tribunal Supremo vén de ditar a sentenza 2159/2014 do 30 de maio de 2014; a mesma tivo a súa orixe nun recurso presentado por afectados/as pola consideración dun inmoble clasificado no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Badaxoz como solo urbanizábel, pasando a ser considerado como solo de natureza urbana a efectos catastrais.

As fincas situadas na cidade do moble atópanse nunha situación similar as consideradas na sentenza anterior, posto que estamos diante dunhas fincas que eran rústicas e que a raíz de ser incluídas no plan sectorial da Cidade do Moble as mesmas foron cualificadas como solo de natureza urbana a efectos catastrais.

A Cidade do Moble, dende a resolución do 25 de febreiro de 2011 pola que se fai pública a aprobación definitiva até hoxe, estivo e está totalmente parada, sen que a Administración comprometa ningunha data para iniciar a súa execución e sen que haxa provisións orzamentarias que a fagan realidade; polo que segue sen ter ningún tipo de instrumento de desenvolvemento.

As parcelas con solo sen edificar do Monte Liñares neste momento teñen un uso agrícola ou forestal, pero co agravante de que se lles repercute unha carga tributaria que non lles corresponde e que perden todo valor de mercado ao ficaren inmobilizadas por un polígono que as afecta e que non se executa. A mesma sentenza indica que non poden existir valores catastrais por encima do valor de mercado, tal e como acontece nas fincas enclavadas na Cidade do Moble.

Os veciños e veciñas afectados presentaron ante a Dirección Xeral do Catastro -Xerencia Territorial de Pontevedra- un escrito solicitando a nulidade da cualificación das anteriores fincas como solo de natureza urbana a efectos catastrais e solicitan ademais a devolución do IBI correspondente aos exercicios 2012 e 2013, en aplicación da sentenza do Tribunal Supremo anteriormente mencionada.

Neste momento a oficina do ORAL xa ten que ter preparados para pasar ao cobro os recibos de contribución (Imposto de Bens Inmobles de Urbana) correspondentes ao exercicio 2014; polo que unha vez se teña que aplicar a sentenza teráselle que devolver aos veciños todos as cantidades cobradas indebidamente.

No BNG consideramos que non procede gravar unha contribución sobre un uso que non se pode efectuar por canto a Administración non executou o polígono, polo tanto teñen que ser as propias administracións as que busquen a solución para que, mentres non se constrúa a Cidade do Moble, estas propiedades tributen conforme ao uso que teñen na actualidade e sexan, en consecuencia, anulados os recibos de contribución emitidos.

Por todo isto, e en base ao artigo 216 da Lei xeral Tributaria (procedementos xerais de revisión), que permite en determinadas circunstancias a revogación de tributos emitidos e, en base ao artigo 219 desta mesma lei sobre a revogación dos tributos e de imposición de sancións, o BNG presenta unha moción urxente perante o concello da Estrada que se celebra hoxe xoves 3 de xullo, para que tome os seguintes acordos:

  1. Proceder a revogación dos recibos do Imposto de Bens Inmobles de Urbana correspondentes ao exercicio 2014 das fincas situadas na Cidade do Moble.
  2. Instar a Xerencia Territorial do Catastro a que proceda a nulidade da cualificación, a efectos catastrais, como solo de natureza urbana as fincas situadas na Cidade do Moble en aplicación da sentenza do Tribunal Supremo 2159/2014 do día 30 de maio de 2014.
Advertisements