Administración Galega e Administración Central pásanse a pataca quente do enlace do Alto da Rocha


Cruce do Alto da Rocha

Cruce do Alto da Rocha

“Xunta e Goberno Central pásanse mutuamente a pataca quente dos problemas do enlace co AP-53 no Alto da Rocha”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, logo de recibir a contestación á pregunta rexistrada no Parlamento Galego polos deputados da formación nacionalista.

“Se hai un mes dabamos conta da resposta do Goberno Central, na que se desentendía completamente da resolución do problema, e poñendo a pelota no tellado da Administración Galega, hoxe vimos de recibir a contestación da Xunta na que pon a pelota no tellado do Goberno Central”, explicou Magariños. “Nótase que ambas administracións están gobernadas polo mesmo partido, polo PP, que até se copian as contestacións que dan aos partidos da oposición”, afirmou o concelleiro nacionalista.

“Aínda que sospeitabamos que podíamos chegar a esta situación tan paradoxal, logo de escoitar ao alcalde cando fixemos públicas as denuncias, non agardabamos que a realidade superara á ficción, non agardabamos tanta irresponsabilidade por parte da Xunta e do Estado que se desentenden completamente da resolución dos problemas do acceso á AP-53 no Alto da Rocha”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

“Iso si”, explicou Magariños, “agora ninguén se fai responsábel dos problemas, pero cando se inauguraron as obras estaban todos prestos para sacarse a foto, desde o daquela alcalde, Ramón Campos, até Feijóo, que era conselleiro no goberno de Fraga”.

Xosé Magariños instou ao alcalde a “buscar unha solución ao enlace coa AP-53, único enlace directo a unha vía de alta capacidade que ten o noso concello, e non pode ser utilizado por vehículos de grande tonelaxe, dada a súa perigosidade”.