Olaia Fernández Davila pide ao Ministerio de Facenda que a efectos catastrais considere os terreos da Cidade do Moble de a estrada como rústicos e non como urbanos


Davila pón de manifesto que a Cidade do Moble leva parada desde 2011, pero os propietarios de terreos sofren o agravante de que se lles repercute unha carga tributaria que non lle corresponde

lagartons-470x140

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou na Cámara unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar na que insta ao Ministerio de Facenda a modificar a cualificación dos terreos situados na Cidade do Moble en A Estrada para que a efectos catastrais sexan considerados solo rústico en lugar de urbano.

Explica Davila que na súa sentenza 2159/2014, de 30 de maio de 2014, o Tribunal Supremo dá a razón aos propietarios de terreos situados na Cidade do Moble por consideralos, a efectos catastrais, terreos de natureza urbana. A deputada do BNG pón de manifesto que “se trata en realidade de terreos rústicos, pero a raíz de seren incluídos no Plan sectorial da Cidade do Moble, consideráronos a efectos catastrais como solo urbano”.

Facenda debe devolver as cantidades cobradas inxustamente

Mais, puntualiza Davila, a Cidade do Moble de A Estrada leva parada desde o 2011, sin que exista previsión da execución como parque empresarial.

A deputada do BNG sinala que as parcelas sin edificar de Monte Liñares teñen actualmente un uso agrícola ou forestal, pero “sofren o agravante de que se lles repercute unha carga tributaria que non lles corresponde”. Sen esquecer que perden todo valor de mercado por estaren inmobilizados por un polígono que lles afecta e está parado.

Subliña que a propia sentenza do Supremo indica que non poden existir valores catastrais por riba do valor de mercado. Por este motivo, os propietarios solicitaron á Dirección Xeral do Catastro a nulidade da cualificación destes terreos como solo de natureza urbana no catastro. De aí que a deputada do BNG inste a Facenda a devolver o IBI correspondente aos exercicios 2012 e 2013 e a paralización do IBI para o 2014.

“Trátase de cantidades inxustamente cobradas, porque non procede gravar unha contribución sobre un uso que non se pode efectuar dado que o polígono está paralizado”. Davila afirma que hai base legal para proceder á revogación dos tributos emitidos en base ao artigo 216 da Lei Xeral Tributaria, que permite en determinadas circunstancias a revogación de tributos emitidos.

Davila insta a Facenda a realizar as modificacións precisas para estabelecer unha armonización das clasificacións catastrais para evitar desaxustes como os descritos.

Advertisements