O BNG non asistirá á inauguración do novo campo de fútbol


Resulta paradóxico que un concello que agora mesmo ten tres campos de fútbol situados na vila carece de centro de día e o 90% do rural estea sen saneamento

novo-campo-de-futbolO BNG da Estrada rexeita o convite da Deputación e do Concello para asistir á inauguración do novo campo de fútbol, que se levará a cabo o vindeiro venres 8 de agosto.

Segundo explicou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “este novo campo de fútbol é a crónica do despilfarro e do despropósito que escribe na Estrada unha nova páxina da man do Deputación e do Concello, gobernados ambas as dúas institucións polo Partido Popular”.

“Esta nova instalación deportiva”, indicou o concelleiro nacionalista, “custou 1.233.000 euros, dos cales 241.000 euros saíron das arcas municipais, un importe que con toda seguridade se incrementou notabelmente, xa que como denunciamos no seu momento, e á luz do convenio asinado coa deputación, o concello tivo que facerse cargo do subministro eléctrico, postes, o subministro de auga, o saneamento, etc, obras que a día de hoxe aínda están sen rematar”. “Ademais, o concello tamén terá que asumir a partir de agora o mantemento desta instalación, cuxo custe tampouco será pequeno”, engadiu o concelleiro do BNG.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “esta nova instalación deportiva non ten a polivalencia que si ten a Baiuca, que conta cunha completa pista de atletismo, cousa que non hai en ningún concello da nosa comarca, e que se até agora estaba infrautilizada, agora correrá a mesma sorte do antigo campo de fútbol da Baiuca, a demolición”.

O concelleiro do BNG tamén indicou que “esta obra non é en absoluto necesaria e hai outras prioridades no noso concello que termos un novo campo de fútbol”. “Así,” explicou Magariños, “resulta paradóxico que un concello que agora mesmo ten tres campos de fútbol situados na vila, carece de centro de día para os seus maiores, ten o 90% do rural sen saneamento ou ten nunha silveira a Torre de Guimarei, por citar algúns exemplos de entre as múltiples carencias que ten A Estrada”.

O concelleiro nacionalista tamén criticou a política deportiva da Deputación de Pontevedra. Segundo explicou Magariños, “a deputación, é dicir, o PP, están inzando toda a provincia de Pontevedra de campos de fútbol”. “Así,” engadiu o concelleiro do BNG, “se ollamos os concellos da nosa contorna vemos que en Cuntis e Moraña tamén inauguraron recentemente novos campos de fútbol cun custe multimillonario para as arcas públicas”. “Con este investimento, desta nova meca do fútbol creada pola Deputación de Pontevedra, abofé que terá que saír un novo Messi ou un novo Cristiano Ronaldo”, ironizou o concelleiro nacionalista.

Advertisements