Concello e de Deputación de chapuza en chapuza até o desastre final


A experiencia demostra que serán os estradenses os que paguen os problemas detectados no novo estadio, no canto da empresa ou a deputación

“O que mal empeza mal acaba”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, en referencia aos problemas detectados no novo campo de fútbol construído pola Deputación de Pontevedra e o concello da Estrada. “O que era unha mala idea desde o seu inicio, é dicir, construír un novo campo de fútbol que non necesitabamos, acabará converténdose nun pesadelo para o PP, e en concreto para o alcalde, e unha lousa para as arcas municipais, que se terán que facer cargo, a parte dos custes de mantemento, do arranxo dos problemas detectados no novo estadio”, explicou Magariños.

“E non facemos estas afirmacións de xeito gratuíto”, engadiu o concelleiro nacionalista, “a experiencia xa demostrou en varias ocasións que o concello asume obras e servizos que lle corresponden competencialmente á Deputación de Pontevedra ou a outras administracións, no canto de esixir a súa execución”.

Parroquias a medio desbrozar

Estrada da Deputación en San Xiao de Vea“Así por exemplo, temos constancia”, explicou Magariños, “que a Deputación de Pontevedra non está efectuando os desbroces das estradas que lle corresponden, senón que o fai o concello, e para iso deixa o traballo a medio facer, como ocorre estes días na parroquia de San Xiao de Vea, que celebra esta fin de semana as súas festas, e a estrada da Deputación que atravesa a parroquia está na súa meirande parte sen desbrozar”. “Pero non quedaramos que o rural se debrozaba cando había festas nas parroquias?”, preguntase o concelleiro do BNG, “pois vese que nin así se desbroza o rural”.

Din que non hai cartos, pero a Deputación gastou o ano pasado un millón de euros na volta ciclista

“Logo dirán desde o PP que non hai cartos nin para os desbroces do rural nin para arranxar os sumidoiros da avenida de Santiago, pero para traer a volta ciclista si”, explicou Magariños, “o ano pasado a Deputación de Pontevedra gastou máis dun millón de euros na organización da volta ciclista que pasou pola Estrada, pero será o concello quen teña que arranxar os problemas do novo estadio, asumir servizos que non lle correspondente, etc, etc, co beneplácito e o entusiasmo do señor alcalde, por suposto”.

O concelleiro do BNG esixe ao alcalde unha explicación polo que está a pasar no novo estadio. “O PP vai de chapuza en chapuza, como se estivera xogando ao xogo da oca, o que está facendo e malgastando os cartos de todas e todos e tomándolle o pelo aos veciños”, afirmou o concelleiro nacionalista e engadiu “queremos saber quen vai asumir os custes do arranxo do estadio, o concello, a deputación ou a empresa adxudicataria, que é a quen se lle deben esixir ao estar a obra aínda en garantía?”.

“Insistimos”, afirmou Magariños, “o pobo da Estrada merece unha explicación sobre quen pagará esta nova chapuza da marca PP”.

Advertisements