A saída da volta ciclista traerá máis prexuízos que beneficios para a Estrada


A saída da Estrada quedará mediaticamente relegada a un corte de cinta, que será o único que se vexa do noso concello

Paseo do AlcaldeO consello local do BNG, reunido o pasado luns, analizou as repercusións da saída da volta ciclista desde o centro da vila da Estrada. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “estamos vendo que este evento vai ter máis prexuízos que beneficios para o noso concello”.

“Para empezar”, engadiu o concelleiro do BNG, “os primeiros prexudicados serán os veciños e veciñas da Estrada que terán que buscar unha alternativa para aparcar os seus vehículos, xa que a avenida Benito Vigo, a Rúa Castelao, Iryda e Xusto Martínez, quedarán inutilizadas para este fin”. “Ademais”, explicou Magariños, “reconducir o tránsito procedente de Lalín pola avenida Fernando Conde colapsará completamente esta vía, xa moi saturada de coches os días normais, para canto máis o 11 de setembro, data de saída da volta”.

“Moitos dos problemas que ocasiona a saída da volta estarían mitigados de termos unha Variante, como levamos anos pedindo os do BNG, que alivie o tránsito rodado polo centro da vila”, explicou o concelleiro do BNG, “mais o PP só se acorda da Variante cando está na oposición, nunca cando está no goberno, e moito nos tememos que será unha das tantas materias pendentes que ten o goberno do Estado coa Estrada”.

O consello local do BNG tamén puxo en dúbida os supostos beneficios publicitarios que vai ter para o concello. Así, segundo explicou o concelleiro Xosé Magariños “calquera seareiro do ciclismo que siga a volta sabe perfectamente que o que máis repercusión mediática ten son as dúas últimas horas antes da chegada e a meta propiamente dita”. “A saída”, engadiu Magariños, “quedará reducida a un simple corte da cinta, que será o único que se vexa da Estrada, e para iso nos resumos do día que boten polas televisións, co cal as supostas bondades da volta haberá que poñela entre interrogantes”.

“Por outra parte e se o concello da Estrada tivera unha política turística merecente de tal nome, ao mellor si se podería sacarlle algo de partido, pero como dixemos a semana pasada a única política que sabe facer o PP é para facer campos de fútbol para o circo, nada máis”, afirmou Magariños.

Advertisements