Moito campo de fútbol e moita volta ciclista, pero o rural está a monte


Xosé Magariños “din que non hai cartos para desbrozar as malas herbas do rural que enchen os nosos viais públicos, pero para herba artificial hai de sobra”

A concellaría de obras e servizos municipais do rural gasta 6.000 euros nunha campaña publicitaria

Denuncia desbroces

O BNG da Estrada non é a primeira vez que denuncia o deficiente desbroce das cunetas das estradas e pistas do rural de competencia municipal e provincial. Mais hoxe a formación nacionalista foi máis alá e levou para diante do concello, as herbas que esconden os viais e sinais de tráfico do rural para denunciar o abandono por parte do concello e da Deputación de Pontevedra, ambas gobernadas polo Partido Popular.

En declaracións aos medios, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “mentres o PP gasta cartos en campos de fútbol e voltas ciclistas, o noso rural está a monte por non facer o mantemento mínimo do que son responsábeis o concello e a deputación”. “Din que non hai cartos para desbrozar as malas herbas do rural que enchen os nosos viais públicos”, engadiu Magariños, “pero para herba artificial hai de sobra”.

“Xa que ao PP lle gusta tanto a herba”, ironizou o concelleiro nacionalista, “pensamos que esta xardineira abandonada tamén a súa sorte na Praza do Concello era un bo lugar para deixar unha pequena mostra da variada flora do rural estradense, que inunda os nosos viais públicos ante a falta de vontade política do alcalde e do PP para reverter esta situación”.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “os veciños e veciñas do rural están fartos do abandono do PP, están fartos da inseguridade cando circulan polos viais públicos como peóns ou como condutores, onde hai até sinais de tráficos literalmente escondidas pola vexetación que tiña que limpar a deputación ou o concello”. “Os estradenses pagamos impostos para que nos dean os servizos correspondentes”, explicou Magariños “e non só para que nos traian voltas ciclistas e orquestras espectáculo para tapar as miserias da pésima xestión política do PP”.

Denuncia desbrocesO rural a monte e o PP gasta 6.000 euros en facerse propaganda
O concelleiro nacionalista tamén se referiu ao gasto aprobado pola xunta de goberno o pasado mes de agosto que destinará 6.000 euros para promocionar actividades e o patrimonio estradense na canle televisiva Nós TV a petición do concelleiro de obras e servizos municipais do rural, cultura e medio ambiente.

Xosé Magariños indicou que “a estas alturas ignoramos cal é o obxectivo desta campaña de promoción, pero coido que agora mesmo a concellaría de obras e servizos municipais do rural debe ter unha prioridade, que é desbrozar o rural, e eses 6.000 euros veñen moi ben para adicalos a esta actividade e non en promocións electoralistas do PP e do alcalde”.

“De todos os xeitos”, engadiu Magariños, “por moita propaganda que faga o PP, a realidade é teimuda e as silvas, codesos, xestas e todo tipo de herbas acabarán eclipsando a campaña publicitaria do PP”.

“Desde logo xa preguntaremos no vindeiro pleno cal é o obxectivo desta campaña publicitaria”, explicou Magariños, “pero para promocionar o noso patrimonio primeiro témolo que sacar das silveiras, como tantas veces temos denunciado”.

Advertisements