O alcalde sácalle brillo ás beirarrúas da N-640 utilizando as brigadas municipais


A realidade do noso rural non se pode agochar coas luces de neón da orquestra Panorama

Matalobos

“Mentres os viais do noso rural están pechados de silveiras e todo tipo de herbas, o alcalde sácalle brillo ás beirarrúas da N-640 para a volta ciclista utilizando os traballadores e traballadoras do concello”, denunciou hoxe o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

“Nos últimos días”, explicou o concelleiro nacionalista, “os veciños e veciñas de Matalobos son testemuñas de como as brigadas municipais barren completamente as beirarrúas e eliminan as herbas da N-640 ao seu paso por esta parroquia, mentres o resto da parroquia e o resto do rural está a monte como xa temos denunciado en reiteradas ocasións”.

“Hai que lembrar”, engadiu Magariños, “que esta estrada é de competencia estatal e tería que ser o estado quen se encargara de facer este tipo de labor, así como asegurar o firme, especialmente a partir do Alto da Cruz onde se atopa moi deteriorado, mesmo para a práctica do ciclismo, pero o alcalde prefire non molestar á ministra de Fomento, Ana Pastor”.

“O alcalde debe pensar que co show da volta ciclista e a Panorama os veciños e veciñas non van ver as herbas e as silveiras dos viais,” explicou Magariños, “e está moi enganado, porque o que nos transmiten a nós é xusto o contrario, a realidade non se pode agochar coas luces de neón”. “Menos show e mellor xestión”, afirmou.

“Por outra parte”, engadiu o concelleiro nacionalista, “supoño que a estas alturas o alcalde xa é consciente do malestar que está a causar en determinadas parroquias, especialmente a de Ribeira, que celebra as festas parroquiais o mesmo día que a Deputación trae a Panorama á Estrada. Polo esforzo humano e económico que supón organizar un evento como este nunha parroquia, o PP tiña que ser máis sensíbel e respectuoso, pero que se pode agardar dun partido que ten a monte o noso rural, e non me refiro só ás herbas e silveiras, senón tamén ao sector agro-gandeiro, tan importante na nosa localidade.”.

Advertisements