O Goberno de Madrid ignora unha vez máis o noso concello


O Goberno Central pon cifras nos orzamentos que logo non executa

O Ministerio de Facenda vén de presentar os orzamentos do Estado para o ano 2015. No que ten a ver co noso concello, o Goberno Central ten unha débeda histórica coa Estrada, coa tantas veces anunciada Variante da Estrada.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “unha vez máis Madrid ningunea a Galiza, e concretamente A Estrada, onde ten pendente desde hai máis de 20 anos anos unha obra importantísima para o noso desenvolvemento económico e para desconxestionar de tráfico do centro da vila”.

Magariños explicou que “o Goberno orzamenta só 2.300.000 euros para a Variante, unha cifra ridícula, tendo en conta que a obra ten un custe de case 39 millóns de euros”. “Isto implica”, engadiu Magariños, “que unha vez máis os estradense teremos que agardar, non só pola obra, cuxa conclusión prologarase varios anos, senón que teremos que agardar a que o Goberno Central do PP cumpra, é dicir, execute estes cartos”. O concelleiro nacionalista afirmou “que o Goberno de Madrid xa nos ten acostumados a poñer nos orzamentos determinadas cifras, pero logo na práctica non os executa, e moito nos tememos que isto volverá a pasar”.

Por outra parte o concelleiro nacionalista explicou que “é certo que o orzamento desta obra para 2015 incrementouse a respecto de 2014, que era de só 5.000 euros, pero este incremento ten máis a ver coa proximidade das eleccións municipais que co interese que ten o Goberno Central en executar esta obra, en resumo, que é un incremento exclusivamente propagandístico que sen dúbida usará o alcalde”. “Se o goberno de Madrid quixera executar esta obra de verdade”, explicou o concelleiro do BNG, “o orzamento para 2015 sería unha cifra máis elevada que permitira o inicio das obras o vindeiro ano”.

“Evidentemente”, engadiu Magariños “arranxar a conexión coa AP-53 no Alto da Rocha nin figura nos orzamentos, e tampouco figura nada para recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei como tantas veces temos demandado os nacionalistas da Estrada”.