O BNG quere declarar A Estrada un concello insubmiso contra o tratado de libre comercio USA-UE


Con este tratado os servizos públicos deixarán de ser públicos para seren negocios privados onde o único que prima é o beneficio e non o servizo

TTPI-StopO BNG da Estrada, a través do seu concelleiro, Xosé Magariños, vén de rexistrar unha moción para declarar o noso concello “insubmiso e libre do TTIP (tratado de libre comercio e investimento) entre os Estados Unidos e a Unión Europea”.

Xosé Magariños explicou que “os concellos teñen que ser un verdadeiro dique de contención fronte a un tratado que persegue a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás empresas transnacionais, así como ás compras e licitacións de bens e servizos dos concellos”. “Se este tratado se chega a asinar”, engadiu o concelleiro nacionalista, “os servizos públicos deixarán de ser públicos para seren negocios privados onde o único que prima é o beneficio e non o servizo”.

“Por outra parte”, afirmou Magariños, “con este desembarco transnacional nos concellos de Galiza, deterioraranse aínda máis os dereitos de todos os traballadores en xeral, así como representa un verdadeiro perigo para a democracia, e mesmo para sa saúde e o medio ambiente”.

O concelleiro do BNG explicou que con esta moción que “pretendemos sexa aprobada por todas as forzas políticas, tamén buscamos suscitar un debate social por un tratado que se está a negociar de costas, non só dos cidadáns, senón mesmo da institucións nas que estas están representadas, especialmente no Parlamento Europeo”. “Se Estados Unidos e a Unión Europea negocian a escondidas de todos nós, é obvio que este tratado non nos convén en absoluto, algo agochan!”, engadiu Magariños, “por este motivo agardo que as forzas políticas con representación no concello non enganen unha vez máis aos veciños e veciñas que os elixiron e apoien esta moción contra o TTIP”.

Advertisements