O Goberno Central fará pagar aos veciños e veciñas de Lagartóns o IBI dunha finca rústica como se fora urbanizábel


Xosé Magariños afirma que o alcalde enganou aos veciños, porque xa coñecía cal ía ser a o posicionamento da Xerencia do Catastro

lagartons-470x140

O BNG da Estrada deu a coñecer hoxe a resposta do Goberno central a respecto da clasificación do solo urbano das fincas rústicas do Monte Liñares, afectados pola Cidade do Móbel. O goberno do Partido Popular considera que “non procede á aplicación da sentenza do Tribunal Supremo de 30 de maio de 2014”. Segundo o Executivo central “esta sentenza foi ditada nun recurso de casación en interese de lei”, polo que “non é de aplicación directa a situacións individualizadas, e porque só se refiren a solos urbanizábeis que non contan con planeamento de desenvolvemento, sendo así que os terreos mencionados contan con dito planeamento aprobado e publicado”.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, afirmou que “con esta resposta xa se sabe que é o que vai facer a xerencia do catastro a respecto da contribución destes terreos, desentenderse e facer pagar aos veciños e veciñas de Lagartóns”. “E vista a resposta do Goberno central,” engadiu o concelleiro nacionalista, “é moi probábel que o alcalde xa coñecera a través da xerencia do catastro que isto ía ser así, pero preferiu enganar os veciños e veciñas con propiedades no Monte Liñares para gañar tempo, no canto de enfrontarse aos seus para solucionar este problema”.

“Desde o BNG censuramos a resposta do goberno central do PP, porque o único que lles interesa é cobrar e canto máis mellor”, afirmou o concelleiro do BNG, “malia que iso supoña un esforzo económico moi importante para moitas familias, que teñen que pagar do seu peto unha inxustiza que eles non crearon, que é pagar por un terreo que non ten o valor catastral nin comercial que lle asigna a xerencia de catastro”. “O goberno central e o alcalde poden darlle as voltas que queiran, pero non é de recibo pagar por unha finca rústica como se fora urbanizábel”, remachou o concelleiro do BNG.

Por outra parte o concelleiro nacionalista afirmou que este problema “só se pode solucionar pola vía política, cousa que o BNG está intentando desde hai meses, e como mostra temos as preguntas formuladas pola nosa deputada Olaia Fernández Davila, rexistrada no Congreso dos deputados”. “A vía política é a única vía”, engadiu Magariños, “que os veciños e veciñas teñan máis dificultades que antes para acudir á xustiza xa se encargou o PP subindo as taxas xudiciais para evitar que precisamente iso, que se faga xustiza”.

A respecto da Cidade do Móbel Xosé Magariños indicou que “os veciños e veciñas de Lagartóns non terían hoxe este problema se no seu día non houbera organizacións políticas que se adicaron a poñer paus nas rodas ao proxecto da Cidade do Móbel”. “Isto hai anos que xa tiña que estar feito”, engadiu Magariños, “de ser así, os veciños non terían problemas para pagar os recibos do IBI e a situación do sector do móbel e o emprego na Estrada estarían noutra situación”.

Advertisements