O PP tómalle o pelo a todos os estradenses


O 73% do consignado nos orzamentos da Xunta de 2015 para toda a comarca de Tabeirós-Terra de Montes irá para a AXEGA

ORZAMENTO2015

O consello local do BNG da Estrada reuniuse onte pola noite para tratar entre outros asuntos os orzamentos da Xunta de 2015 para o noso concello. O portavoz municipal da formación nacionalista explicou que “estes orzamentos son unha tomadura de pelo a todos os estradenses, o PP estase burlando de todos os nosos veciños e veciñas, mentres o noso alcalde adícase a facer crítica construtiva, no canto de esxirlle ao goberno de Feijóo máis investimentos para A Estrada”.

“Que dos 8 millóns que consigna o Goberno galego para a nosa comarca, o 73% se vaian para só para a Axega, e que isto o PP no lo queira vender como un éxito é unha burla a todos os veciños e veciñas da Estrada”, afirmou Magariños, “pois estamos a falar dunha infraestrutura de ámbito galego, da que os estradenses non nos imos beneficiar en absoluto, ao contrario”.

“Porén”, explicou o concelleiro nacionalista, “nada se sabe da Cidade do Móbel, nin da Torre e o Pazo de Guimarei, nada sobre o centro de día ou sobre a escola infantil, nada se sabe sobre os servizos e as cousas que lle preocupan aos veciños e veciñas da Estrada, como pode ser a creación de emprego”. “O PP vende fume e o alcalde axuda nesta cerimonia da confusión”, engadiu Magariños.

“Malia todo, nós si facemos unha crítica construtiva, e axudaremos a mellorar os investimentos no noso concello presentando emendas aos orzamentos da Xunta, que presentaremos proximamente”, explicou o concelleiro do BNG. “Daquela a pelota está no tellado do PP e do alcalde, se realmente lles preocupa A Estrada haberá algo máis que fume nos orzamentos da Xunta de 2015”.

Advertisements