As infraestruturas e o patrimonio, eixos centrais das emendas do BNG aos orzamentos do Estado


Se ao PP lle preocupa o benestar dos veciños e veciñas e se lle preocupa o noso patrimonio histórico e cultural aceptaría e mesmo melloraría as emendas do BNG

torreguimarei470

O BNG da Estrada deu a coñecer esta mañá as emendas que presenta aos orzamentos do Estado de 2015, centradas basicamente nas infraestruturas e na recuperación do noso patrimonio cultural.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “unha parte importante das nosas emendas son para mellorar as nosas comunicacións, así por unha parte, queremos ampliar nun millón de euros a partida adicada á Variante, que consideramos fundamental para sacar o tráfico do centro da vila, especialmente o pesado”. “Por outra parte”, engadiu Magariños, “tamén pensamos, como xa temos denunciado en diversas ocasións, que a N-640 necesita mellorar a capa de rodadura desta estrada, especialmente nas curvas do Castro de Loureiro, onde ten un firme irregular, o que o fai moi perigoso para o tráfico”.

“Tamén”, explicou o concelleiro nacionalista, “e malia que o Goberno Central se desentenda do asunto, o enlace coa A-53 (autoestrada Santiago-Ourense), necesita unha mellora urxente, porque tal e como está é inútil para os vehículos pesados”. “Neste sentido”, engadiu Xosé Magariños, “emendamos os orzamentos de Fomento con 800 mil euros para mellorar este enlace coa autoestrada no Alto da Rocha”.

Non máis oportunidades perdidas
Por outra parte, e como xa vén facendo o BNG nos últimos anos, os nacionalistas presentaron unha emenda de 300 mil euros para recuperar para o patrimonio público a Torre e o Pazo de Guimarei. O concelleiro do BNG afirmou “que insistimos e seguiremos insistindo até conseguir que a Torre de Guimarei e o pazo sexa de todas e todos, non pode ser que se dilapiden cartos públicos en campos de fútbol e voltas ciclistas mentres temos unha xoia arquitectónica entre as silvas”.

O concelleiro nacionalista explicou que “a semana pasada o Ministerio de Fomento publicou as bases reguladoras para a concesión de axudas para a conservación do patrimonio histórico, e un ano máis A Estrada perde a oportunidade de valorizar e este importante legado histórico polo simple feito de que a Torre e o Pazo non son de titularidade pública”.

“Como se pode ver”, explicou Magariños, “o PP da Estrada, que nos goberna desde 2011, está perdendo grandes oportunidades para mellorar non só a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, senón para recuperar o noso patrimonio histórico e cultural”. “De rexeitar estas emendas, se o PP da Estrada, e en particular o alcalde, non fan nada para mellorar as nosas infraestruturas e o noso patrimonio, daquela é que non lle importa nada de nada os veciños e veciñas da Estrada”.

Advertisements