“BNG-Asembleas Abertas”, denominación da candidatura nacionalista para as eleccións municipais


O BNG da Estrada convoca unha asemblea aberta para o vindeiro mércores 5 de novembro

DesignA estratexia política do BNG de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano que ten como elemento chave a continuidade do proceso de Asembleas Abertas iniciado en setembro, que agora entra nunha segunda fase, como mostra inequívoca da aposta por sumar a toda a cidadanía rebelde que quere construír un proxecto de país desde os concellos en clave nacionalista.

Dentro da folla de ruta para os comicios locais, o Consello Nacional aprobou hai unhas semanas elaborar programa e candidaturas a partir das propostas que formulen as asembleas abertas e concorrer á cita de maio de 2015 baixo a denominación “BNG-Asembleas Abertas”, un cambio que non ten precedentes desde a constitución do BNG en 1982 e que simboliza a vontade de sumar para derrotar ao PP.

Neste sentido o BNG da Estrada ten convocada para o vindeiro mércores 5 de novembro, ás 9 da noite, no local situado na Rúa Leicures, a segunda asemblea aberta a todos os veciños e veciñas da Estrada.

Esta nova reunión terá como obxectivo debater e aprobar os criterios, así como propor nomes de persoas para a candidatura “BNG-Asembleas abertas”, un proceso que terá a súa primeira parada a finais de xaneiro de 2015 cando se someta a votación da asemblea o primeiro tramo da lista (5 primeiros postos), pero que non rematará até completar a candidatura “BNG-Asembleas abertas”.

Por outra parte, tamén aproveitaremos a reunión para ir conformando a proposta programática da candidatura que se presentará ás eleccións no mes de maio de 2015. Malia que o BNG neste aspecto xa ten moi avanzado o programa, xa que utilizaremos de base o programa de 2011, compre actualizalo e contrastalo coa cidadanía, recollendo todo tipo de suxestións para termos a mellor ferramenta que permita transformar realmente A Estrada, e non limitarnos a simple cambio estético ou un recambio.

Advertisements