O PP contrario a impulsar o proxecto Cidade do Móbel da Estrada no orzamento 2015


O deputado, Daniel Rodas ven de reclamar na Comisión de Industria do Parlamento galego pasar dos compromisos abstractos aos firmes, dotando de investimentos ao proxecto Cidade do Móbel da Estrada

O Partido Popular ven de xustificar o seu voto contrario aducindo que faltan os informes solicitados a CMTI dos viais de aceso, necesarios para a súa aprobación, mais o deputado do BNG, Daniel Rodas, entende que este tipo de xustificacións como “meras escusas para non impulsar o proxecto da cidade do Móbel, xa que este proxecto leva parado desde 2011 e tempo houbo de emitir informes e contrainformes”.

Por outra parte, segundo explicaron os representantes do PP na Comisión do Parlamento Galego, unha vez recibidos os informes iniciarase a apertura de demandantes para intentar alcanzar o mínimo requirido do 30%, pero en todo caso, explicou o deputado nacionalista “isto non será até máis alá de 2015, xa que o PP votará en contra de dotar de orzamento a Cidade do Móbel o vindeiro ano 2015”.

O BNG agradece o apoio de AGE e PSdG e critica que non se pode xustificar a falta de xestión na tramitación administrativa e acusa ao PP de seguir acompañando este proxecto de “declaracións durante o período electoral, pero que cando chega o momento de comprometer nos orzamentos a cantidade económica necesaria para poder desenvolver o proxecto sectorial, Cidade do Móbel da Estrada, vemos como este non existe”.

O deputado do BNG, Daniel Rodas, di que a Cidade do Móbel é un proxecto estratéxico impulsado por diferentes sectores económicos do concello de A Estrada: Móbeliros, comerciantes, empresarios, etc que dende fai máis dunha década veñen demandando o desenvolvemento deste polígono sectorial para poder darlle resposta as necesidades empresariais da comarca e reactivar un dos sectores estratéxicos deste concello,o da madeira e do Móbel.

Demanda apoiada dende o eido político municipal, que tivo un importante impulso a través da consellaría de Vivenda e Solo no bipartito, e que recibiu a súa aprobación definitiva o 24 de febreiro de 2011 no Consello da Xunta, despois de realizar un recorte no proxecto orixinal dun 30% pasando o mesmo a 367.000 metros cadrados, reducindo tamén os espazos adicados a equipamentos e zonas verdes, deixando fora o que lle daba contido medio ambiental, a recuperación e posta en valor dos humedais e regatos.

Dende a súa aprobación definitiva, nada se ten andado máis alá das promesas de campaña e dos compromisos do alcalde. O propio presidente, Nuñez Feijóo chegou a comprometer nun acto do partido o desenvolvemento do mesmo e a anunciar a inversión prevista de máis de 25,8 millóns de euros, aínda que ultimamente na pasarela que ao Goberno galego lle proporciona a inauguración da Feira do Móbel, ninguén se acorda do mesmo.

Advertisements