Señor Palmou, na Estrada temos memoria!


Hai 20 anos Palmou formou parte dun goberno de tránsfugas, que comprou concelleiros e que concedeu licenzas urbanísticas ilegais

Palmou e Chito CamposNa asemblea aberta convocada polo BNG onte mércores, analizáronse as declaracións feitas por Xesús Palmou a un medio de comunicación de tirada galega, onde afirma que os “partidos deben detectar desde dentro aos corruptos e denuncialos”. O concelleiro do BNG, Xosé Magariños declarou que “lle damos a benvida á loita contra a corrupción na política, agora que é o conselleiro maior do Consello de Contas, mais no BNG da Estrada temos memoria e o seu paso pola política local hai 20 anos non o deixa en moi bo lugar”.

“Tanto é así”, afirmou Magariños, “que na Estrada aínda nos acordamos do infausto goberno municipal do PP de Ramón Campos, do que el formaba parte alá polos anos 1993 e 1994, un goberno, que concedeu licenzas ilegais en contra dos informes dos técnicos municipais”. “Que as licenzas eran ilegais non o dicimos os do BNG,” explicou o concelleiro nacionalista, “así o deixou claro o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, nun auto do 13 de novembro de 1997, que considera estas licenzas contrarias a dereito, e ratificado polo Tribunal Supremo en xuño de 2002”.

“Cómpre recordar tamén”, engadiu o concelleiro do BNG, “que naquela altura Palmou non era un simple concelleiro do PP da Estrada, formaba parte do grupo de goberno que concedeu as licenzas ilegais, era o secretario xeral deste partido a nivel galego e era deputado no Parlamento Galego.” “Por este motivo,”, explicou o concelleiro nacionalista “o BNG deixouno fóra da denuncia por ser aforado e ser unha carga económica que os nacionalistas non podiamos asumir”.

“Logo tamén todos sabemos o que pasou con esta denuncia que fixo o BNG na Audiencia Provincial de Pontevedra, despois dunha batalla de anos e nas que tivemos que demostrar que as licenzas eran ilegais, o xulgado fallou que o grupo de goberno do PP, do que Palmou formaba parte, -insisto-, non sabían o que facían, mais alguén se beneficiou da concesión desas licenzas ilegais e non foi precisamente o pobo da Estrada”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “é unha mágoa que claridade de ideas que ten hoxe Palmou contra a corrupción política non a tivera hai 20 anos, cando o BNG loitaba en solitario contra a corrupción, na Estrada aforrariámonos unha das etapas máis sombrías da nosa historia, cun goberno do PP conformado naquela altura por tránsfugas e no que se compraron literalmente concelleiros do PSOE para tombar un goberno do que o BNG formaba parte”.

Descargas:

Fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza

Fallo do Tribunal Supremo

Fallo da Audiencia Provincial de Pontevedra

Advertisements