A Fundación do Móbel vista para sentenza


O PP está a preparar a privatización da súa xestión, ante o silencio cómplice do alcalde

fundacion2011_1No día de hoxe deuse a coñecer a noticia de que Merces Cuíña, xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, renuncia ao cargo o 31 de decembro deste ano. Para o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “isto víase vir; despois da última Feira do Móbel, determinadas persoas estiveron preparando o terreo para que esta renuncia se producira, ante o silencio cómplice do alcalde, que desde aquela garda un sospeitoso silencio, e iso que é o vicepresidente da fundación”.

“É difícil de entender por parte de quen defende o déficit cero”, engadiu o concelleiro nacionalista, “que se poña en cuestión unha xestión saneada da fundación, segundo se anunciou reiteradamente, xa que o BNG non ten representación no padroado da Fundación”. “Por outra parte, consideramos contraditorio, pedir que os expositores paguen menos por metro cadrado de exposición, e ao mesmo tempo dicir que a Fundación ten que reducir as subvencións públicas”, explicou o concelleiro do BNG.

“Se a Xunta, o Concello e a Deputación queren reducir as subvencións que dan á feira do móbel, que o digan, que sexan valentes, pero que non envíen recadeiros a facer o traballo sucio”, reclamou Xosé Magariños.

“Todo isto que está a acontecer”, engadiu o concelleiro do BNG, “lévanos a pensar que detrás destas manobras políticas, das que o alcalde está ao tanto, hai a intención de privatizar a xestión e a organización de eventos, especialmente a Feira do Móbel, que se celebra cada ano”.

“É que se repasamos o que aconteceu nos últimos meses, vemos que se cumpre o protocolo neoliberal ao pé da letra”, afirmou Magariños, “o PP empeza reducindo as subvencións públicas que van laminando a capacidade de manobra da Fundación, isto ten como consecuencia unha drástica redución do seu número de traballadores e traballadoras, e todo desembocará previsibelmente nunha xestión privada da Fundación, que nos saíra moito máis cara e seguramente peor organizada que agora”.

Advertisements