O BNG leva ao Parlamento Galego a problemática da Fundación do Móbel


  • Os nacionalistas rexistran unha proposición non de lei e unha batería de preguntas no Parlamento Galego relacionadas coa Fundación do Móbel e o sector do móbel da Estrada
  • O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, está preocupado pola falta de iniciativa do PP e da Consellaría de Industria para dinamizar o sector do móbel.
  • Xosé Magariños acusa ao PP e á Consellaría de cruzarse de brazos mentres se prepara o enterro do sector do móbel na Estrada.

O BNG, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, vén de anunciar publicamente que levará ao Parlamento Galego os problemas polos que está a atravesar a Fundación do Móbel. En concreto o concelleiro nacionalista explicou que os deputados do BNG, Carme Adán e Daniel Rodas, rexistraron unha proposición non de lei e unha batería de preguntas dirixidas ao conselleiro de industria.

Xosé Magariños explicou que coa “proposición non de lei buscamos comprometer no orzamento de 2015 a dotación económica necesaria para o mantemento da Fundación e o apoio aos diferentes eventos que esta realizará ao longo do vindeiro ano, así como o mantemento dos postos de traballo da Fundación”.

“A parte desta iniciativa que pretende asegurar a continuidade da subvención recibe a Fundación”, explicou o concelleiro do BNG, “os nosos deputados no Parlamento Galego tamén preguntarán ao conselleiro de industria que vai facer, que medidas vai tomar para asegurar a continuidade da dirección técnica da Fundación a partir do 31 de decembro, data na que a actual xerente, Mercedes Cuíña, cesa no seu posto”. “Algún plan terán?”, preguntouse Magariños, “o Sr. Conde, ademais de conselleiro, preside a Fundación, e é a súa responsabilidade manter a viabilidade e a dirección da Fundación do Móbel, por iso queremos saber que pasos vai seguir a consellaría antes de que se efectivice a renuncia da actual xerente”.

“Por outra parte”, engadiu o concelleiro do BNG, “tamén nos gustaría saber, e aos estradenses tamén, así como unha parte importante do sector do móbel, que valoración fai da última Feira do Móbel, así como da súa xestión, que suscitou airadas críticas por parte do presidente da Asociación de Empresarios do Móbel, o Sr. Figueiras”. “No BNG entendemos que algunha opinión terá ao respecto, a fin de contas, e volvo a insistir, o conselleiro de industria preside a Fundación”, afirmou Magariños.

Os deputados do BNG tamén se interesarán polos compromisos da Consellaría de Industria co sector do móbel. Segundo explicou o concelleiro do BNG, “na Estrada xa estamos moi fartos de promesas e de anuncios, queremos algo tanxíbel, o sector do móbel agoniza e é responsabilidade de todos poñer propostas enriba da mesa, pero é a consellaría de industria a que debe liderar a recuperación do sector e non o está facendo”.

“Aos feitos nos remitimos”, explicou Magariños, “hai un mes debateuse unha iniciativa do BNG no Parlamento Galego para dotar de orzamento o proxecto da Cidade do Móbel en 2015 e o único partido que votou en contra foi o PP, PSdeG-PSOE, AGE apoiaron a iniciativa do BNG”.

“Se houbera outro tipo de alternativa para o sector do móbel, no BNG poderiamos entender que o PP non queira facer a Cidade do Móbel, un polígono sectorial para crear emprego e dinamizar o sector”, afirmou o concelleiro do BNG, “pero a cuestión é que o nin o PP nin o alcalde poñen outra alternativa enriba da mesa, e mentres tanto crúzanse de brazos e ven os días pasar mentres se prepara o enterro do sector do móbel na Estrada”.

Advertisements