O BNG alerta do mal estado da rotonda das Colonias


  • Xosé Magariños recórdalle ao alcalde que hai unhas semanas o pleno aprobou por unanimidade solicitar a Fomento o arranxo de todos os puntos negros da 640, entre eles do da rotonda das Colonias
  • Esiximos a Fomento o arranxo inmediato do regueiro da rotonda polo risco potencial que supón para os veciños e veciñas da Estrada que a diario pasan por ese punto

Rotonda das Colonias

O BNG da Estrada vén de enviar aos medios de comunicación unha serie de imaxes nas que denuncia o mal estado no que se atopa a rotonda das Colonias. Segundo explicou o concelleiro da formación nacionalista, Xosé Magariños, “nace un verdadeiro regueiro de auga a poucos metros da rotonda atravesándoa e continuando estrada abaixo deica Lagartóns, o que xa de por si é un perigo para o tráfico rodado”, afirmou, “mais coas temperaturas tan baixas destes días, tarde ou cendo aparecerán as xeadas e con elas un risco potencial de accidentes nese tramo”. “Mesmo”, engadiu Magariños, “se o frío aperta, no BNG non descartamos que ese tramo quede inutilizado para a circulación”.

O concelleiro do BNG engadiu que “hai unhas semanas o pleno aprobou por unanimidade que o concello se dirixira a a Fomento, titular da estrada 640, para arranxara este problema e moitos outros que hai ao longo desta estrada, especialmente o firme baixando o Alto da Cruz”.

“Descoñecemos a estas alturas se o goberno municipal do PP tomou nota e deu conta a Fomento desta petición do pleno”, explicou Magariños, “mais está claro que o PP aínda non fixo os deberes, co risco que supón para o tráfico, especialmente na rotonda das Colonias”.

“Xa sabemos que as cousas de palacio van despacio, pero non será cuestión de agardar unha desgraza para que o PP faga as cousas máis rápido”, explicou Magariños. “Esixo ao alcalde que pete na porta de Fomento e da súa amiga Ana Pastor, a ministra de Fomento, para solicitar o urxente arranxo deste tramo das Colonias”, e engadiu o concelleiro do BNG, “e mentres agardamos por Fomento pídolle que poña algún tipo de sinal alertando do perigo na rotonda das Colonias”. “Máis vale prever, que lamentar”, afirmou o concelleiro do BNG, “mais no PP son máis de lamentar primeiro que de prever, a cuestión son os veciños e veciñas os que sofren as consecuencias”.

Advertisements