O BNG presenta a súas emendas aos orzamentos da Xunta para darlle a volta Á Estrada


Fronte á actitude positiva e construtiva do BNG, atopámonos coa actitude pasota do alcalde

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, e o deputado Daniel Rodas, presentaron no día de hoxe as emendas da formación nacionalista aos orzamentos da Xunta de 2015.

Xosé Magariños explicou que “o BNG da localidade presentamos estas emendas coa idea de darlle a volta á Estrada, de mellorar a calidade de vida cos veciños e veciñas da Estrada, de mellorar os nosos sectores produtivos básicos para xerarmos emprego”. “Fronte a esta actitude positiva e construtiva do BNG”, engadiu o concelleiro nacionalista, “moi probabelmente nos atoparemos coa negativa do PP no Parlamento Galego a todas as nosas emendas, mais isto non é escusa para non presentalas, porque queremos reflectir que con votade política as cousas poden ser doutro xeito, mais atopámonos que o alcalde e o PP da localidade vontade teñen pouca”, afirmou o concelleiro do BNG.

“Así”, explicou o concelleiro nacionalista, “como no BNG pensamos que podemos darlle a volta á Estrada, que podemos mellorar o saneamento no concello como no rural, así como o abastecemento de auga das parroquias de Guimarei e Souto, presentamos unha emenda de 800.000 €”. “O PP poderá votar en contra”, engadiu Magariños, “mais o alcalde terá que explicar nestas parroquias porqué está en contra de mellorar o abastecemento de augas aos veciños e veciñas”, afirmou o concelleiro do BNG.

“No BNG da Estrada tamén consideramos importante dar comezo á concentración parcelaria da parroquia de Souto e para iso presentamos unha emenda de 600.000 €”, explicou o concelleiro do BNG, “o PP dirá que non, mais a ver como lle explica o alcalde aos veciños e veciñas desta parroquia que están en contra da concentración parcelaria das súas terras, a única parroquia da Estrada que non ten concentradas as terras”.

Os nacionalistas tamén presentaron unha emenda de 300.000 € para mellorar o acceso ao centro médico do Souto. Xosé Magariños explicou que “en reiteradas ocasións a Xunta contestou ás nosas interpelacións parlamentarias que acometerían esa obra en canto tiveran orzamento; pois ben”, engadiu Magariños, “o PP ten a oportunidade de cumprir cos veciños do Val de Vea aos que se lles debe o arranxo do acceso do centro médico, tantas veces anunciado como tantas veces incumprido o anuncio”. “Agardo que non teñamos que esperar a que haxa outra desgraza persoal para acometer esta mellora”, preguntouse o concelleiro nacionalista.

A Torre e o Pazo de Guimarei tamén entra dentro das prioridades dos nacionalistas, así como a Cidade do Móbel. O concelleiro do BNG afirmou que “xa sabemos que o alcalde é máis de voltas ciclistas e de subir ao papa-móbil que de coidar o noso patrimonio, mais no BNG temos claro que a Torre e o Pazo de Guimarei poden estar noutra situación, poden poñerse en valor para o aproveitamento turístico, para crear postos de traballo, e para uso e desfrute dos veciños veciñas da Estrada”.

O BNG tamén presentou 200.000 € para o desenvolvemento da Cidade do Móbel. Magariños explicou que “xa sabemos que é unha cifra insuficiente para acometer unha obra desta envergadura, mais sabemos xa por anticipado que o PP votará en contra da emenda, porque non entra dentro das súas prioridades a creación de emprego e a dinamización do sector do móbel do concello”. “Malia todo”, engadiu o concelleiro do BNG, “nos mantemos a aposta pola Cidade do Móbel, e instamos ao alcalde que se ten outra proposta para o sector que a poña enriba da mesa, mais cómpre darlle a volta ao sector, é urxente, vainos a vida a todos e a todas”.

Advertisements