Campaña do BNG en apoio ao comercio local e aos produtos da horta


Temos uns produtos de primeira, porque temos un país de primeira, e o PP pon todo o seu empeño en afogar a potencialidade do noso rural

comercioMilitantes e simpatizantes do BNG da Estrada realizaron hoxe unha campaña de apoio ao comercio local e de defensa dos produtos galegos. Encabezados polo portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, repartiron polos comercios da vila folletos informativos coas propostas dos nacionalistas para o comercio local.

O concelleiro do BNG animou “a consumir produtos galegos e a facelo no comercio de proximidade, un sector básico da nosa economía, e na Estrada un sector estratéxico que debemos protexer e potenciar”.

“No BNG,” engadiu Magariños, “defendemos que se prestixien os noso produtos primarios, e apostamos porque os poderes públicos faciliten a súa comercialización en circuítos curtos para garantir o máximo beneficio ás persoas produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de creación de emprego e de dinamización económica.”

“Neste sentido,” explicou o concelleiro nacionalista, “temos que criticar unha vez máis ao goberno do PP na Xunta de Galiza, por aprobar unha orde pola que dificulta e pon maiores trabas aos produtos producidos nas nosas hortas para beneficiar coma sempre ás grandes superficies comerciais e ás grandes distribuidoras alimentarias, unhas políticas do PP que desertizan o rural e traerán a desaparición das prazas dos nosos produtos naturais e ecolóxicos”.

Por outra parte o concelleiro do BNG afirmou que “o Goberno municipal non está a facer nada polo comercio local, cada día pechan máis comercios, mentres -iso si- preocúpase polos campos de fútbol e véndenos a Praza do Mercado, que se está a converter nunha obra eterna, como o dinamizador do sector primario, pero o Goberno no explica como o vai facer, e no BNG temos que claro que o edificio por si só non servirá para aumentar os usuarios da praza de abastos”.

“Fronte a estas políticas suicidas, que está a practicar o goberno de Feijóo, e fronte a pasividade do goberno local,” explicou o concelleiro do BNG, “os nacionalistas apostamos pola oposición total á instalación de grandes superficies comerciais e pola recuperación dos mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais.” “Apostamos”, engadiu Magariños, “por incentivar a compra de produtos locais e galegos, impulsando unha marca de calidade dos produtos de horta galega.”

“Temos uns produtos de primeira, porque temos un país de primeira”, afirmou Magariños, “e o PP pon todo o seu empeño en afogar toda a potencialidade que ten o noso rural; vainos a vida mudar esta estratexia suicida!”.

Propostas do BNG para apoiar o comercio local.

Advertisements