O deseño da nova web de turismo da Estrada pode descargarse de internet por 13 euros, pero o PP paga 6.600 € por ela


O alcalde da Estrada ten que aclarar a razón do desfase do custe da nova web e porqué a nova web está a utilizar servidores alleos aos d’A Estrada Dixital

O goberno municipal elimina boa parte dos contidos de interese da anterior web, como a tradución ao francés e alemán, a descarga da guía de turismo, do roteiro Castelao, as referencias GPS, etc.

Plantilla da web de turismo que pode descargarse por 16 dólares

Plantilla da web de turismo que pode descargarse por 16 dólares

“Se aos veciños e veciñas da Estrada lle contan que o novo deseño da web de turismo que o PP adxudicou por 6.600 euros, pode descargarse de internet polo módico prezo de 16 dólares, ao cambio 13 euros”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “estes pensarían o mesmo que pensamos no BNG, que o PP está estafándonos a todos e todas”.

“Se a isto lle sumamos”, engadiu o concelleiro nacionalista, “que moitos dos contidos pertencen á web anterior, sobre todo os textos, no BNG pensamos que para cambiar a web de turismo da Estrada o PP non tiña que gastar 6.600 euros do erario público, o persoal da Estrada Dixital podía facelo perfectamente, e saíanos de balde”, afirmou Magariños.

O PP elimina contido de interese

“Por outra parte”, explicou Magariños, “a web que presenta o goberno municipal non mellora o que xa había, eliminando contidos importantes como a tradución ao francés e alemán, que sumados ao galego, castelán e inglés, ampliaban o obxectivo potencial de turistas”. “Pero ademais”, engade o concelleiro nacionalista, “tamén se eliminaron nesta nova versión as descargas da completa guía de turismo que había, do roteiro Castelao, as referencias GPS dos lugares de interese, carece mesmo dun simple buscador interno, etc; en resumo, que o goberno do PP destruíu o que había, pero non soubo construír algo mellor do que había xa antes”.

Nova web de turismo

Nova web de turismo

O concelleiro nacionalista tamén puxo o acento no espazo web onde está ubicada a nova web de turismo da Estrada. “O lóxico sería que esta web estivera instalada nos servidores do concello, porén”, explicou Magariños, “chámanos poderosamente a atención que esta nova web en realidade está instalada nos servidores da empresa Business Near Plataforma, que nin é a empresa á que lle adxudicaron o contrato, nin nos consta que teña relación algunha co deseño web”.

“O goberno municipal do PP tentou disimular a vinculación desta empresa cun pequeno truco, mais non resultou, xa que non hai máis que fixarse na URL das distintas ligazóns da web para decatármonos de que o enderezo real onde está ubicada a nova web de turismo é http://turismo.propuesta.info/ no canto dos servidores do concello”, explicou Magariños, “un burdo truco, que agocha a suposta subcontratación dun servizo polo que o concello pagou 6.600 euros, cando o deseño da web ten un custe de apenas 13 euros”, afirmou.

O alcalde ten que dar conta
“Por que esta web non está ubicada nos servidores do concello?”, pregúntase o concelleiro do BNG, “e, ten algún custe a maiores para o concello que a web de turismo estea en servidores alleos aos de A Estrada Dixital? Subcontratouse ese servizo? Estas son preguntas aos que debe dar resposta inmediata o alcalde; non ten sentido que a semana pasada a Fundación Cultural contrate unha póliza de crédito de 50.000 euros para renovar equipamento da Estrada Dixital e por outra parte se gaste en servizos que pode presentar perfectamente esta entidade pública local”. “Non están os tempos para tirar cos cartos”, afirmou Magariños.

“Xa para rematar,” afirmou o concelleiro do BNG, “instamos ao alcalde a dar unha explicación convincente polo desfase escandaloso no custe do deseño da web, que nos consideramos unha estafa e un timo, e tamén sobre os contidos, que non mellora en absoluto o que xa había, ao noso entender o empeora”.

Advertisements