O goberno municipal do PP responde con evasivas a denuncia feita polo BNG


  • O goberno municipal do PP segue sen dar explicación da implicación de Business Near Plataforma en todo este asunto, unha empresa da Coruña, con negocios de exportación e intereses na industria armamentística
  • Convidamos aos estradenses a comparar o deseño orixinal e o da nova web de turismo e a xulgar se as insignificantes modificacións feitas no deseño xustifican o pago de 6.600 euros do erario público
  • O BNG esixe ao goberno municipal que non se prexudique máis ao sector turístico do noso concello, bastante afogado como consecuencia da crise económica e da nula política turística do goberno que preside López Campos
Plantilla da web de turismo que pode descargarse por 16 dólares

Plantilla da web de turismo que pode descargarse por 16 dólares

O goberno municipal da Estrada cando se ve contra as cordas responde seguindo o mesmo esquema: primeiro insulta, logo busca algo no que parapetarse para non asumir responsabilidades e finalmente utiliza o bipartito. Así responde a concellaría de turismo ao BNG por denunciar publicamente o escandaloso pago de 6.600 euros polo deseño da nova web de turismo que se pode descargar de internet por 13 euros.

En primeiro lugar, o BNG non ten por costume responder con insultos as descualificacións dos seus adversarios políticos, senón con argumentos. Polo tanto calquera veciño ou veciña da Estrada que teña acceso a internet pode comprobar que o deseño que se pode descargar por 13 euros da ligazón seguinte é o mesmo que o da nova web de turismo presentada a semana pasada. Convidamos aos estradenses a comparar o deseño orixinal e o da nova web de turismo e a xulgar se as insignificantes modificacións feitas no deseño xustifican o pago de 6.600 euros do erario público. O BNG ten claro que non.

Por outra parte, o goberno municipal afirma que este novo deseño está preparado para “posicionarse rapidamente en Google”, algo que ao noso entender tamén é falso, xa que o feito de telo nun servidor alleo ao do concello é contraproducente para o posicionamento. De feito, se a web non se muda pronto de servidor só é cuestión de tempo que nas primeiras posicións de Google atopemos o enderezo da web Business Near Plataforma, e de feito este enderezo xa está indexado.

O que non aclara o goberno municipal do PP é o papel desta empresa en todo este asunto; hai que ter en conta que Business Near non foi a adxudicataria do concurso, mais curiosamente a web aparece nos seus servidores no canto dos de A Estrada Dixital, que sería o lóxico como xa dixemos no seu momento, pero o PP segue sen aclarar se isto vai ter algún custe a maiores para os veciños e veciñas das Estrada.

O PP pode seguir botando balóns fóra, pero tarde ou cedo terá que dar explicacións pola participación de Business Near Platarforma no deseño da nova web de turismo, unha empresa consultora experta en negocios de exportación e con intereses na industria armamentística, mais non nos consta que preste servizos de deseño web. Canto máis tempo tarde en dar explicación pola implicación desta empresa en todo este asunto, máis longa se fará a sospeita entre os veciños e veciñas da Estrada.

En segundo lugar, é moi lamentable que o goberno municipal do PP se agochen detrás dunha empresa local da que o BNG sempre recoñeceu a profesionalidade no traballo no que está especializada, no canto de asumir a súa responsabilidade. Curiosamente o goberno que preside López presume de defender as empresas da localidade, pero logo compra o mobiliario do despacho do alcalde a unha empresa da Coruña, cando na Estrada hai empresas abondo que podían facelo perfectamente.

É certo que a web de turismo que presentou o BNG en 2011, e que o PP desaproveitou totalmente, deixándoa morrer, encargóuselle a unha empresa que non é da Estrada, polo simple feito de que na Estrada non había nin hai ningunha empresa que poida desenvolver un proxecto integral como o deseñado no seu día polo BNG, un proxecto consensuado co sector, que permitía entre outras cousas a descarga de datos desde distintos puntos do concello mediante Bluetoth, así como a edición de diverso material gráfico para a difusión turística da Estrada.

E por certo, cómpre aclarar que tanto o prego técnico como o económico da anterior web de turismo foron elaborados polo persoal da Estrada Dixital. Neste sentido, preguntámonos se o goberno municipal non estará insinuar que o persoal do concello non sabe desenvolver o seu traballo? Supoñemos que non,

E xa por último, agardamos que o goberno municipal do PP arranxe polo menos as deficiencias máis graves que lle indicamos hai uns días, e non se prexudique máis ao sector turístico do noso concello, bastante afogado como consecuencia da crise económica e da nula política turística do goberno que preside López Campos.

Advertisements