O lixo amoréase no rural desde hai máis de 15 días


Os nacionalistas acusan ao PP de falta de previsión e organización no servizo de recollida do lixo

lixo rural“Hai parroquias da Estrada que dende o 17 de decembro non volveu a pasar o camión que recolle o lixo”, afirma o concelleiro do BNG, Xosé Magariños. “En parroquias como Cora, Santeles ou Guimarei, por citar só tres exemplos, o lixo amoréase nos contenedores dende vai máis de 15 días, segundo nos indicaron veciños das parroquias citadas”, engadiu o concelleiro nacionalista.

Para Magariños estamos ante outra “grave improvisación do goberno do PP, porque, aínda que somos conscientes de que hai festivos e os traballadores e traballadoras do servizo de recollida non teñen porque traballar neses días, é obriga do goberno ser previsores e organizar a recollida de xeito que o lixo non se amoree nos contenedores durante tanto tempo”. “E menos mal que estamos no inverno e o lixo non fede tanto, pero os veciños e veciñas pagan cada vez máis polo servizo de recollida do lixo, pero este goberno dálles cada vez un peor servizo,” afirmou o concelleiro do BNG.

A organización nacionalista tamén denunciou no mes de maio un feito semellante, segundo explicou Magariños “non estamos ante un feito illado propiciado polos festivos do Nadal, reiteramos que hai unha falta de previsión e de organización neste goberno municipal do PP, que non só se circunscribe á recollida do lixo, senón a outros departamentos do concello, dando unha pésima imaxe ante uns veciños e veciñas cada vez máis indignados coa xestión do concello que fai o Partido Popular e o alcalde José López”.