O BNG presentará unha moción de urxencia no próximo pleno para que o dominio “aestrada.gal” sexa o oficial do concello


punto-galO concelleiro do BNG, Xosé Magariños, vén de anunciar que presentará por urxencia no próximo pleno unha moción para facer do dominio “aestrada.gal“, rexistrado o pasado mes de decembro, o oficial do concello a todos os efectos.

“A nosa lingua e a nosa cultura xa gozan dunha marca propia con que identificar todos os contidos que xeramos na Rede e, así, facérmonos máis visíbeis dentro deste espazo de comunicación global que é internet”, explicou o concelleiro do BNG, “e neste sentido, A Estrada non pode quedar á marxe, o noso concello ten que poñer o seu gran de area para proxectar a nosa identidade non só en galego, que xa o fai, senón identificando os contidos que xeramos baixo un denominador común, o dominio .gal”.

O BNG non sé contenta só co rexistro do dominio .gal da web oficial do concello da Estrada; segundo explicou o concelleiro do BNG “queremos que se substitúa o actual dominio “aestrada.com” por “aestrada.gal” para que este último sexa o oficial do concello, para o que instamos ao grupo de goberno a facer unha campaña para popularizar este novo enderezo entre os veciños e veciñas da Estrada publicitándoo en todos os cartaces, díticos, comunicacións, etc, que faga o concello”.

Agora mesmo o dominio “aestrada.gal” simplemente redirixe ao enderezo .com do concello. O que pretenden o BNG é facer as modificacións técnicas que sexa preciso na web para facer do .gal o oficial do concello.