O BNG denuncia o mal estado dos pasos de peóns da vila


Así como se gastan noutros eventos e noutros fastos, na seguranza vial cómpre non regatear

Pasos de peónsO concelleiro do BNG, Xosé Magariños, denunciou hoxe o mal estado no que se atopan os pasos de peóns da vila. “Non hai máis que darse un paseo pola Avenida de Benito Vigo para ver -mellor dito- para non ver o debuxo dos pasos de peóns, gastado polo paso dos vehículos e as inclemencias metereolóxicas”, afirmou.

“Esta denuncia xa a levamos en reiteradas ocasións aos plenos do concello”, explicou Magariños, “pero polo que se ve para o alcalde é como quen oe chover, dálle igual o mal estado dos pasos de peóns, como lle dá igual a ausencia de semáforos de peóns ao final da Avenida de Pontevedra, como lle dá igual a seguranza vial en xeral”.

O concelleiro nacionalista sinalou que “xa sabemos que ao alcalde non lle gusta molestar aos seus, neste caso, non lle gusta molestar ao Ministerio de Fomento, titular do vial, para que proceda ao pintado dos pasos de peóns, mais desde o BNG consideramos que isto é urxente, xa que estamos a falar da seguranza de todas e todos nós”, e engadiu “así como se gastan noutros eventos e noutros fastos, na seguranza vial cómpre non regatear”, afirmou Magariños, “neste sentido, insto unha vez máis a que o alcalde pete nas portas que considere oportuno para que se pinten axiña os pasos de peóns en mal estado.