O alcalde quere darnos gato por lebre co centro de día?


Non estamos en contra de que se cree un punto de atención a persoas con alzheimer, pero si a que isto supoña o carpetazo definitivo a un centro de día na Estrada

O alcalde quere darnos gato por lebre co
Logo das últimas declaracións do alcalde, onde anunciou a creación na praza de abastos dun centro especializado de atención a persoas con alzheimer, o BNG, a través do seu portavoz municipal, Xosé Magariños, amósase preocupado polo futuro do centro de día da Estrada.

Segundo explicou Magariños, “o que nos preocupa non é que se cree este centro de atención para persoas con alzheimer, senón que isto ao noso entender implica que o alcalde xa dá por imposíbel a construción dun centro de día na Estrada”.

“Hai que ter en conta”, explicou o concelleiro do BNG, “que un centro día teñen unhas características definidas legalmente -persoal, servizos e persoas usuarias-, ademais dos requisitos en canto a espazos e equipamentos materiais, e dá a impresión de que a creación deste punto de atención, moito máis económico, responde á intención do alcalde de dar gato por lebre, é dicir, de vendernos un centro de atención para persoas con alzheimer como se fora un centro de día, e é evidente que non é o mesmo”.

“Para o BNG”, engadiu Magariños, “o lóxico é que este tipo de puntos de atención para persoas con alzheimer estea no propio centro de día, dotado de instalacións e equipo profesional que dean atención as persoas maiores con dependencia e non un par de aulas na praza de abastos, onde, como dixen anteriormente, contaría con persoal, espazos e materiais acaidos para a prestación deste servizo”.

“Tendo en conta todo isto, queremos saber se o alcalde vai facer as xestións oportunas para que A Estrada conte cun centro de día”, preguntouse o concelleiro do BNG, “vistas as declaracións de López non o temos claro, e por iso instámolo a que aclare esta cuestión”.

“Hai que ter en conta”, engadiu Magariños, “que o Parlamento Galego rexeitou a emenda do BNG para dotar de orzamento o centro de día da Estrada, e desde logo”, afirmou Magariños, “non albergamos moitas esperanzas que este goberno municipal poña en marcha un centro de día, porque xa sabemos todos que cuestións son prioritarias para o PP, como por exemplo”, explicou o concelleiro do BNG, “no canto de ter un centro de día, temos un novo campo de fútbol validado pola UEFA”.

Advertisements