Como temos de todo, agora podemos permitirnos unha “piscina dinámica”!


Este investimento pode supoñer unha subida no prezo das entradas da piscina

piscinas-dinamicas

Como o noso concello ten un centro de día perfectamente dotado, ten unha nova gardería para que dá acollida a toda a demanda existente, ten solo industrial abondo e asequíbel na que poidan asentarse empresas e así xerar emprego no concello, … en resumidas contas, como xa temos de todo, podemos permitirnos unha piscina dinámica na Estrada”, ironizou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños.

“Haberá que agardar e ver como se concreta este novo proxecto do goberno de López, pero con todas as necesidades acuciantes que ten A Estrada, consideramos que o das piscinas dinámicas é un novo disparate dun goberno desesperado á procura dunha maioría absoluta que ten perdida, un disparate que se pode equiparar ao do campo de fútbol”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “A Estrada non pode permitirse o luxo de que siga gobernando o PP, un partido que non ten un só proxecto de futuro coherente para o noso concello”.

“Para empezar pensamos que isto vai supoñer un investimento importante por parte do concello, cuxo custe se podería trasladar aos usuarios da piscina en forma dunha subida no prezo das entradas”, explicou o concelleiro nacionalista, “hai que ter en conta que agora mesmo só están abertas dous meses ao ano, e se agora, segundo informa o concelleiro de deportes, este servizo xa é deficitario, daquela despois será unha ruína para o concello e un luxo para moitas persoas que non poden permitirse ir á piscina”.

“Unhas piscinas dinámicas para quen? Dáse de conta o PP do clima que temos no noso país? Ten analizado o perfil do turismo que visita a nosa comarca? “, preguntouse o concelleiro nacionalista, “é evidente que o PP non sabe o que ese trae entre mans”

“Claro”, engadiu o concelleiro do BNG, “que tamén pode ocorrer que este goberno municipal do PP estea pensando en privatizar o servizo, e se é así, que se preparen, porque vai atopar enfronte ao BNG”.