Para Enrique Iglesias hai 300 mil euros, para Torre e o Pazo de Guimarei non


Magariños: “Que mellor promoción se pode facer do noso país, que tendo o noso patrimonio en condicións de ser visitado e digno de louvanza?”

A XUNTA PÁGALLE 300.000 € A ENRIQUEO concelleiro e candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Magariños, explicou hoxe aos medios de comunicación que “non se entende que o PP na Xunta de Galiza dea a Enrique Iglesias 302.500 €, e logo negue a mesma cantidade para recuperar para uso público a Torre e o Pazo de Guimarei, votando reiteradamente en contra das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta e do Estado”.

Segundo se desprende da información proporcionada por diversos medios de comunicación eses 300 mil euros serían para promocionar no seu video-clip distintos puntos de Galiza, entre eles o Mosteiro de Carboeiro. “Que mellor promoción se pode facer do noso país, que tendo o noso patrimonio en condicións de ser visitado e digno de louvanza?”, preguntouse o concelleiro do BNG, “e é evidente que a Torre e o Pazo de Guimarei non están para ensinar”. “Se o estiveran”, engadiu Mariños, “non necesitaríamos ningún extraterrestre que só veu a Galiza a gravar o vídeo e a cobrar, como fixo o pai da criatura (Julio Iglesias) hai xa algúns anos”.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas acusou ao alcalde de non ter vontade política para recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei. “Somos conscientes que con 300.000 euros non abondarían para recuperar e rehabilitar todo a o entorno, mais se o alcalde tivo a vontade de buscar 1.300.000 euros para un campo de fútbol que non necesitabamos, tamén podía atopar financiamento para recuperar o noso patrimonio, pero non entra dentro dos seus esquemas mentais e ideolóxicos pular polo noso”.

“É incomprensíbel que A Estrada conte cun pazo e unha torre medieval a escasos metros do centro urbano e estean nunha silveira”, afirmou Magariños. “Podería ser unha fonte de creación de emprego e de orgullo do noso patrimonio e do noso pasado histórico”, engadiu, “e en cambio é unha fonte de vergoña para A Estrada”.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas reiterou o compromiso da súa candidatura coa recuperación do patrimonio e entre as súas prioridade atópase a recuperación da Torre e o Pazo de Guimarei, así como a posta en valor doutros elementos patrimoniais como a Ponte de Pontevea, etc.

Advertisements