Militantes do BNG da Estrada solidarízanse con #os5doBloque


A militancia nacionalista responde con solidariedade ás falsas acusacións e deixa ben claro que malia todo “Non nos calarán”

nonnoscalaran-aestrada

Algúns dos militantes do BNG que asinaron a autoinculpación

Preto de vinte militantes do BNG da Estrada presentaron no xulgado de Santiago de Compostela unha escrito de autoinculpación polos feitos acontecidos o pasado mes de agosto durante a visita de Merkel e Rajoy á capital da Galiza, aos que consideramos responsábeis directos de políticas que teñen provocado empobrecemento, desemprego, miseria, emigración e degradación dos servizos públicos para amplas capas do pobo galego.

Ao fío destas protestas pacíficas foron imputados cinco militantes do BNG (Paulo Carballada, Afonso Losada, Rubén Cela, Paulo Carril e Xavier Aboi) acusados con falsidades e mentiras pola policía española.

No escrito de autoinculpación, que é ao mesmo tempo unha mostra de solidariedade, os militantes do BNG da Estrada denuncian que os feitos polos que se acusa a #os5doBloque non se axustan á realidade do que aconteceu, e ademais as protestas pacíficas non poden seren constitutivos de ningún delito penal.

Os nacionalistas interpretan esta situación como parte dun proceso gravemente involutivo, tamén do punto de vista democrático, coa intención de eliminar a contestación social. Mais tamén dirixido, especificamente, contra o BNG, a CIG e o nacionalismo galego, alicerces da resposta social e política na Galiza.

Mais lonxe de acobardarse, a militancia nacionalista responde con solidariedade ás acusacións para evidenciar que o BNG como organización se toma a serio este ataque ás liberdades públicas e deixando ben claro que malia as leis de Seguridade Cidadá que buscan coartar as liberdades como as acusacións infundadas, “Non nos calarán”.

Entre os preto de vinte militantes nacionalistas que asinaron a autoinculpación, que se suman ás máis de setecentas recollidas en toda Galiza, atópanse o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Magariños, Susana Camba ou Constantino Regueira, así como o responsábel local do BNG, Xosé Manuel Baños ou a responsábel comarcal, Raquel López Doce.