O BNG insta ao goberno municipal a mellorar os pasos peonís sobreelevados do concello


Xosé Magariños e Susana Camba presentan a moción coa se insta a mellorar os lombos de burro instalados na vila e no resto do concello adaptándoos á normativa vixente

Lombo de burro na Rúa Antón Losada

Lombo de burro na Rúa Antón Losada

Nos últimos anos boa parte dos concellos sensíbeis coa seguranza viaria instalaron nos pasos de peóns das súas rúas lombos de burro. Estes dispositivos colocados sobre a superficie de rodadura, teñen a finalidade de manter unha velocidade reducida dos vehículos a motor ao longo de certos tramos da vía, ao tempo que serven de paso para peóns.

A súa efectividade reside no feito de que transmiten incomodidade aos condutores e condutoras e ocupantes cando se circula a velocidades superiores ás estabelecidas, o que redunda nunha mellora substancial da seguranza para os peóns, así como a mellora da accesibilidade peonil das rúas.

A instalación e características dos lombos de burro están regulados por ordes do Xunta de Galiza así como do Ministerio de Fomento para as vías que son da súa competencia. Malia todo, estas ordes tamén serven de referencia para os concellos que queiran instalar nas súas rúas este tipo de elementos de seguranza e redutores da velocidade. Así, a orde FOM/3053/2008 estabelece que os pasos peonís sobreelevados, comunmente coñecidos como “lombos de burro” terán unha altura de 10 centímetros, a lonxitude da zona elevada será duns 4 metros e as rampas entre 1 e 2,5 metros.

O concello da Estrada ten instalado estes pasos peonís en varías rúas, concretamente en Fernando Conde, 25 de Xullo, Antón Losada, Rúa Gradín, Avenida de Santiago e San Paio. Exceptuando esta última rúa, nos demais casos non se cumpre a normativa vixente, especialmente na rúa Antón Losada, cuxa altura sobrepasa con moito o estabelecido pola Xunta e polo Ministerio de Fomento, cuxas rampas causa graves trastornos aos vehículos a motor que circulan por esas vías, así como os seus condutores e acompañantes.

Advertisements