Posicionamento do BNG da Estrada a respecto da urbanización de Mercadona


O consello local do BNG da Estrada que se reuniu onte martes, analizou entre outros asuntos a o proxecto de urbanización impulsada pola empresa Bogaris Retail ao final da Avda de Pontevedra e anunciada polo alcalde o pasado venres. Desta análise achegamos as seguintes conclusións:

  1. Tendo en conta que o PXOM está aprobado desde 2013, no BNG consideramos que ao goberno municipal fáltalle iniciativa política para impulsar economicamente o concello, deixando esta iniciativa a unha empresa privada andaluza, que ten como únicas prioridades o beneficio económico e os seus intereses privados. Neste sentido, acollemos con certo excepticismo este anuncio do alcalde. Non é a primeira vez que un alcalde do PP anuncia por todo o alto a implantación dunha superficie comercial que finalmente non se executa, como por exemplo a urbanización do Lidl da Baiuca, que a estas alturas está abandonada criando xestas e toxos e sen traza de que alí se vaia instalar nada. Por outra parte, compre recordar unha vez máis que o actual alcalde anunciou na pasada campaña electoral a instalación da empresa Bluesens na Estrada e como todos e todas sabemos a cousa quedou niso, nun anuncio feito ao calor da campaña electoral.
  2. Unha vez aprobado o PXOM é obriga do goberno municipal priorizar o desenvolvemento de solos dotacionais e de servizos para un novo ambulatorio ou para un centro de día. No canto diso, o PP, que carece de iniciativa política, deixan en mans privadas o desenvolvemento dun solo que urbanisticamente ten un valor secundario para o concello.
  3. Vemos con preocupación a repercusión que poida ter no comercio local a implantación dunha nova superficie local. O alcalde anunciou que coa urbanización do Mercadona crearíanse unha serie de postos de traballos fixos, mais é probábel que os postos que se creen por unha banda, se perdan pola outra no comercio local, moi tocado pola crise económica e sen políticas que o impulsen e o protexan por parte do PP no goberno municipal e na Xunta.
  4. Por outra parte, no BNG consideramos que na Estrada hai xa unha saturación importante de grandes superficies comerciais. A instalación dunha nova superficie comercial prexudicaría os postos de traballo existentes neste sector na Estrada. Como acontecería co comercio local, os postos de traballo que se crearían por unha banda, perderíanse pola outra.
  5. O BNG da Estrada tamén considera que a estas alturas da crise económica, que por moito que se empeñe o PP, aínda non desapareceu, na Estrada hai oferta de vivenda abondo; calquera veciño ou veciña pode apreciar a existencia de edificios enteiros de nova construción nos que non viven ninguén. Neste sentido, é curioso como a empresa promotora, Bogaris Retail, vincula a construción de novas vivendas no terreo urbanizábel da Avda de Pontevedra á demanda futura, do que se deduce que actualmente non hai demanda e a construción desas vivendas, así como os postos de traballo que se derivan desta construción e anunciados polo alcalde están non aire.
  6. En resumo: no BNG acollemos con prudencia e con escepticismo o anuncio feito polo alcalde e hai que enmarcalo no contexto da pre-campaña das eleccións municipais. Cando se rexistre o proxecto no concello, cousa que de momento non aconteceu, e poidamos analizalo con máis precisión, poderemos comprobar se estamos ante algo serio ou ante un novo castelo no aire, dos tantos aos que nos ten acostumados o PP e o alcalde.
Advertisements