O BNG impulsa a declaración de Ben de Interese Cultural da ponte de Pontevea


Unha proposición non de lei no Parlamento Galego e unha moción que se presentará no concello de Teo e da Estrada á procura da declaración BIC da ponte do século XV que una ambos os dous concellos

pontevea2O BNG de Teo e da Estrada, na liña da proposición non de lei formulada no Parlamento galego este venres 27 de febreiro, vai rexistrar unha moción nos respectivos concellos para solicitar a declaración de Ben de Interese Cultural da ponte de Pontevea.

A ponte de Pontevea está situada entre os concellos de Teo, na parroquia de Reis, lugar de Pontevea, e A Estrada, na parroquia de Couso, lugar do mesmo nome. Nos dous concellos existe unha forte identificación popular coa ponte de Pontevea, figurando mesmo no noso escudo. Divide ambos concellos e salva o leito do río Ulla.

Descoñécese con exactitude a data de construción da ponte. Probabelmente sexa do século XV modificando ou substituíndo outra anterior, algunhas teorías defenden que é romana, aínda que non se coñecen datos que o confirmen.

O BNG acredita na necesidade de protexer e conservar de xeito especial a ponte de Pontevea, como parte integrante do patrimonio histórico galego, do patrimonio dos concellos da Estrada e de Teo, é testemuña de acontecementos históricos moi relevantes, non só para o noso pobo, senón tamén para a Historia. É un monumento que forma parte da nosa herdanza, e temos a obriga de coidala e preservala para as xeracións futuras, do mesmo xeito que os nosos antergos nola legaron a nós. Representa parte da nosa riqueza material e patrimonial e reforza a nosa autoestima cultural, polo tanto o seu deterioro é o noso empobrecemento. É por iso que a súa protección e conservación é tarefa de todos nós, e por isto solicítaselle á Xunta de Galiza a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

pontevea1Por outra parte, con esta declaración de Ben Interese Cultural, o BNG de Teo e da Estrada busca darlle unha maior proxección á ponte de Pontevea para poñelo en valor como elemento turístico, cultural e social, e para popularizar entre a veciñanza o legado histórico que supón este elemento patrimonio e arquitectónico, que non separa dous concellos nin dúas provincias, senón que é o elemento físico de unión dunha zona con tradicións culturais comúns, como é por exemplo, o Xenerais da Ulla.

Esta iniciativa do BNG, que se rexistrará como proposición non de lei e cunha moción nos concellos de Teo e da Estrada, foi presentada cun acto reivindicativo diante da ponte. Este acto estivo encabezado polos candidatos do BNG-Asembleas Abertas de ambos os dous concellos, Manuel Anxo Fernández Baz e Xosé Magariños Maceiras, respectivamente, acompañados por militantes e simpatizantes dos dous concellos, así como tamén contou coa presenza de Ana Pontón, deputada no Parlamento Galego, que se responsabiliza da área de cultura e lingua no grupo parlamentar do BNG.