O PP construirá unha nova pista de salto e doma de cabalos mentres a de Sabucedo está abandonada


Esta obra no mercado de gando supón a liquidación da feira da becerra selecta

domacabalosA Deputación de Pontevedra vén de anunciar unha pista de salto e doma de cabalos no mercado de gando de Guimarei, cuxa obra ascende a máis de 60 mil euros. Para o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “estamos ante un novo despilfarro do PP, porque non sei se López sabe que en Sabucedo xa hai unha construción deste tipo, que está parada e que non utiliza ninguén”. “De estar saturado este espazo”, engadiu o concelleiro nacionalista, “entenderíase que se fixera outro, pero malia todo no BNG pensamos que este non é o mellor lugar para ubicalo”.

“En primeiro lugar”, explicou Magariños, “porque esta reforma do mercado de gando supón xa a práctica liquidación da feira da becerra selecta, que se celebraba todos os anos neste recinto, o que demostra o pouco ou nulo interese do PP polo sector gandeiro estrandense e polo galego en xeral”.

“E en segundo lugar”, engadiu o concelleiro do BNG, “porque esta reforma que planea a deputación no mercado do gando está ubicada nunha zona especialmente sensíbel desde un punto de vista patrimonial e cultural, ao estar a poucos metros da Torre de Guimarei, un Ben de Interese Cultural, como todas e todos sabemos”. “Xa a actual construción causa un impacto visual importante, incompatíbel coa promoción e explotación do BIC, non nos queremos imaxinar como quedará todo con esta nova chapuza do PP”, afirmou Magariños.

O concelleiro do BNG acusou ao alcalde de “máis alá das maquetas, fotos e o fume que nos vende, López e o PP non teñen proxecto para A Estrada, fan cousas, non polo interese que teña para os veciños e veciñas da Estrada, senón polo interese particular de Louzán”. “López é o mozo dos recados do presidente da Deputación”, afirmou Xosé Magariños.

O arranxo do frontón

O concelleiro nacionalista celebrou que “por fin” se acometa o arranxo do frontón. Para Magariños “o abandono desta infraestrutura por parte do PP sairanos por un ollo da cara, máis de 126 mil euros custa o arranxo por culpa do goberno municipal que non tomou medidas a tempo”.