Mulleres sen nome, nomes sen mulleres


acto7marzoO Concello da Estrada é un exemplo de desprezo e silenciamento das mulleres ao discriminar ostensibelmente a este 50 % da poboación do recoñecementos institucional que se reflicte na denominación de centros públicos, rúas, prazas, etc… de tal xeito que ningún colexio, pavillón, museo, etc. recibe o nome de muller, e só dúas rúas pequenas e marxinais do total do Concello o fan.

Esta desigualdade non se corresponde obviamente cun desequilibrio tal nos merecementos entre ambos os dous xéneros, senón a insensibilidade dos alcaldes estradenses que historicamente ignoraron as suxestións que teñen recibido para corrixir esta inxustiza. Puidera escusarse a desproporción polo machismo pretérito que se plasmou nestas distincións. Mais o certo é que recentemente topamos coa mesma actitude co gravame da necesidade compensatoria de inclinarse a prol de denominacións femininas. O máis escandaloso é desaproveitar a obriga de limpar do nomenclator aqueles símbolos de exaltación dos crimes franquistas para substituílos por outros útiles para o fin de visibilizar ás mulleres. Mais insístese en mesmo incumprir a lei con tal de perpetuar a ignominia e a exclusión.

Por moita igualdade formal que consigamos, as mulleres non van a ser tratadas nin respectadas equitativamente na realidade senón intervimos nos elementos de socialización que inciden na minusvaloración do sexo feminino, da súa reclusión no espazo doméstico e privado e a súa expulsión do recoñecemento público. Por iso desde o BNG denunciamos esta situación cun acto diante do letreiro da Rúa Capitán Bernal para poñer en evidencia a auténtica política do Partido Popular cara as mulleres en particular, e en xeral cara un compromiso cunha sociedade máis xusta, democrática e igualitaria, xa que mesmo se resisten a levar a cabo accións tan necesarias e positiva coma esta a pesares de non ter custe económico algún.

Esta rúa dedicada ao criminal franquista que ordenou incendiar A Estrada se esta non ser rendía, é unha mostra dos valores de quen isto consinte. O mantemento no rueiro estradense das honras aos símbolos dun réxime que, entre outras cousas, se caracterizou pola retirada de dereitos ás mulleres, é un retrato do alcalde que temos e dos que até agora o consentiron. Mesmo aqueles nomes que se lograron oficialmente retirar pola presión popular, como é o caso do Capitán Bernal, a neglixencia e desleixo do goberno municipal fixeron que na práctica siga a manterse esta denominación nefasta, conservándose os rótulos e absténdose de facer as oportunas xestións nos demais organismos para mudar esta referencia.

Por iso o vindeiro 7 de marzo, véspera do día internacional das mulleres, desde o BNG convocamos un acto simbólico para trocar esta situación, ás 11 da mañá no cruce entre a rúa Padrón e a Capitán Bernal.