O BNG acusa ao goberno municipal do PP de delito ecolóxico e paisaxístico na praia fluvial de Barcala e a súa contorna


As obras de “mellora do sendeiro natural”, feitas cunha máquina escavadora, arrasan e sepultan o carreiro e a praia fluvial situados nunha zona protexida da Rede Natura

Desfeita na praia fluvial de BarcalaO BNG da Estrada acusa ao goberno municipal do PP de delito ecolóxico e paisaxístico por mor das obras de mellora do sendeiro natural no entorno do río Ulla en Barcala. O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, explicou que “o que fixo o goberno municipal do Partido Popular na praia fluvial de Barcala non é mellorar o carreiro natural, é desfacelo e sepultalo, creando un novo camiño cunha máquina escavadora, atravesando a propia praia fluvial, onde antes había un pequeno carreiro”.

“Isto é unha desfeita, que non vai ter doada reparación, é un delito ecolóxico moi grave, que non só afecta ao goberno municipal do PP”, engadiu Magariños, “xa que tamén son responsábeis o Goberno central e a Xunta de Galiza que cofinancian a obra con fondos europeos”.

O concelleiro nacionalista afirmou que “estamos a falar dunha zona protexida pola Rede Natura, e é inadmisíbel que as administracións públicas implicadas na desfeita, que deberían velar polo cumprimento estrito da lei e polo respecto do noso entorno natural, sexan as primeiras en incumprir as súas obrigas”.

Xosé Magariños pediu a paralización inmediata da obra xa que o prazo de execución abrangue até o mes de xuño deste ano, “de non paralizada”, engadiu o concelleiro nacionalistas “López é capaz de asfaltar as marxes do río Ulla até a súa desembocadura en Carril”.

Desfeita na praia fluvial de Barcala“Tamén rexistraremos no concello un escrito para que se nos pase unha copia do proxecto”, afirmou o concelleiro do BNG, “queremos saber se este se corresponde co executado, cuxo importe ascende a a algo máis de 23.000 euros”.

“Por outra parte”, explicou Magariños, “coido que cómpre recordar que a concellaría de Medio Rural, dirixida no seu día por Raquel López Doce durante o bipartito, levou a cabo unhas obras de mellora do sendeiro natural, estas si merecedoras de tal nome, xa que as tarefas foron de limpeza das marxes do río e da contorna da praia fluvial, nada que ver coa desfeita do Partido Popular”. “Son dous xeitos de gobernar”, engadiu Magariños, “o do BNG respectando o medio ambiente e o noso entorno natural, o do PP arrasando con todo”.

Advertisements