O BNG leva a “desfeita” da praia fluvial de Barcala ao Parlamento Galego


Esta é unha mostra máis do desprezo total do PP polo noso medio natural

visita-praia-fluvialO concelleiro do BNG, Xosé Magariños, acompañado por militantes da organización nacionalista acompañaron hoxe pola tarde ao deputado Daniel Rodas a coñecer de primeira man que cualificaron como “desfeita” da praia fluvial de Barcala, logo das obras efectuadas polo concello.

O deputado nacionalista explicou que “logo de coñecer os feitos denunciados polas compañeiras e compañeiros do BNG da Estrada quixen coñecer de primeira man a desfeita efectuada polo concello da Estrada, con cartos da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura”. “A realidade supera ao que vin nas fotos que me enviaron da Estrada”, engadiu Daniel Rodas, “esta é unha mostra máis que estamos gobernados por un partido, o PP, que despreza total e absolutamente o noso país, o noso territorio e a nosa paisaxe; se non fora así non se entendería que se puidera abrir un “camiño” para “mellorar” un carreiro natural que quedou totalmente desfeito pola nova obra, e todo isto faise nunha zona da Rede Natura, que debía ter unha especial protección ambiental”.

“Neste sentido”, anunciou o deputado do BNG, Daniel Rodas, “temos rexistrada unha batería de preguntas para que o goberno da Xunta responda por esta desfeita”. “Así”, engadiu Rodas, “queremos saber se o goberno galego tiña coñecemento deste proxecto mal chamado de mellora do carreiro natural da praia fluvial; tamén queremos saber se conta coas autorizacións oportunas, tendo en conta que estamos en zona de Rede Natura, e sobre todo se se efectuaron as medidas de control e inspección oportunas para que dita actuación non fora agresiva e non incumprira a normativa de espazos protexidos”.

Os nacionalista tamén preguntarán á Xunta de Galiza “se adoptou algún tipo de medida para impedir que continúe a agresión a esta zona da Rede Natura, tendo en conta que o prazo de execución deste “plan de mellora” remata no mes de xuño”. “Po outra parte”, engadiu rodas, “vendo a desfeita da zona, tamén preguntaremos á Xunta que vai facer para que o concello da Estrada proceda a restitución do dano causado na praia fluvial de Barcala”.

Pola súa parte, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, explicou que “xa temos rexistrada a petición dunha copia do proxecto desta obra, agardamos que en breve o goberno municipal se non ten nada que ocultar poña no noso poder a información solicitada para analizar polo miúdo se o proxecto se adecúa ao executado polo concello”. “É obvio que unha desfeita como esta efectuada en Rede Natura non pode figurar en ningún proxecto, e moito menos público”, engadiu Magariños, “pero cómpre termos ese documento e logo xa pediremos a responsabilidades que sexa preciso”.

“Por outra parte”, engadiu Magariños, “de non termos resposta do goberno municipal nos próximos días, no vindeiro pleno terán que responder ás nosas preguntas”.

“De todos os xeitos”, explicou o concelleiro nacionalista, “na visita ao lugar dos feitos puidemos ver que a desfeita leva paralizada xa varios días, -afortunadamente, claro-, algo estraño tendo en conta que o prazo de execución remata aínda dentro de dous meses”.

Advertisements