O BNG esixe pospoñer a ampliación da alameda para crear solo industrial e aparcadoiros públicos


A intención do PP á de favorecer os intereses das grandes superficies comerciais e o negocio de promotores privados de solo industrial

No BNG queremos solo industrial público para crea emprego e aparcadoiros públicos en superficie

Poligono-Toedo-A-EstradaO goberno do Partido Popular no concello da Estrada por voz do Alcalde fixo público recentemente que o vixente Orzamento municipal ten consignados case 2.000.000 de euros (1,4 millóns de euros para o desenvolvemento do PXOM que se empregarán nesta actuación (200.000 aforrados en 2012, 800.000 en 2013 e 400.000 en 2015), indicando que ademais, se dispón doutros 500.000 euros de remanentes de tesourería que poderían empregarse para completar a partida se fose necesario) para o desenvolvemento do PXOM e que o PP pretende destinalos a unha única actuación: “a ampliación da alameda ata a rúa Castelao.

Ademais de considerar un erro e un despilfarro centralizar todas áreas verdes e todas as áreas de lecer nun único punto, deixando sen espazos axeitados de esparexemento e lecer outras zonas do casco urbano (así mesmo contempladas no PXOM), no BNG cremos necesario priorizar o gasto en función das necesidades máis urxentes que ten o concello, nós estimamos que son:

  • A dotación de zonas de aparcamento en superficie gratuítas no contorno do casco urbano para servizo dos cidadáns, especialmente os do rural que teñan que acercarse á vila e, imprescindibles para dinamizar A Estrada como centro comercial e de servizos con capacidade para competir coas grandes áreas comerciais.
  • A dotación de solo industrial público. Non compartimos a posición do Alcalde que non considera necesaria a ampliación do Polígono Industrial de Toedo (actualmente esgotado) coa escusa da falta de demanda. Nós consideramos que a inexistencia de demanda se debe á falta de dispoñibilidade de solo. Calquera empresa que queira instalarse na Estrada non está en disposición de agardar a realización dos longos trámites necesarios ente o inicio do procedemento e a adxudicación das parcelas. Todos estes pasos teñen que estar dados para poder dar unha resposta inmediata ás necesidades do tecido empresarial.

Desde o BNG esiximos que o Concello utilice o PXOM como instrumento para impulsar a actividade económica, non compartimos esa posición de espera pasiva que ten o Partido Popular co Alcalde en funcións José López Campos á cabeza, o goberno ten que ter un papel activo e non ser un mero espectador dos acontecementos. Tendo en conta que o actual goberno municipal está en funcións e que na realidade agocha a intención do PP de favorecer os intereses das grandes superficies comerciais e o negocio de promotores privados de solo industrial, desde o BNG elevamos ao pleno da Corporación para a súa aprobación dos seguintes ACORDOS:

  1. Pospoñer o proxecto de ampliación da Alameda
  2. Utilizar os preto de 2.000.000 € dipoñíbeis nas arcas municipais e os mecanismos de xestión contemplados na lexislación nas seguintes actuacións:
    1. Promover a execución do polígono situado na parte posterior do Cruceiro con acceso desde a Praza do Mercado como medio de obter os terreos e dar servizo de aparcadoiro á Praza de Abastos, Praza de Galiza e contorno.
    2. Consolidar a zona de aparcadoiro na traseira da“Casa das Letras” cos terreos obtidos da xestión correspondente do polígono, complementándoa coa compra do antigo almacén de madeira actualmente en venda.
    3. Situar outra zona de aparcadoiros entre as rúas Gradín e Santo Antón para servizo da rúa principal e arredores, que ao non estar incluído en áreas de reparto no PXOM é necesario acometer a compra de terreos.
    4. Aprobar a 1a fase de ampliación pública do polígono industrial de Toedo, reservando para a titularidade municipal espazos axeitados para a construción de naves que poidan ser alugadas a pequenas e pequenos emprendedores que non dispoñan nin poidan acceder a locais.