Un traslado escalonado de praceiros e praceiras ao Novo Mercado implicaría matar a praza de abastos


Magariños esixe que o alcalde aparque o seu papel de axente comercial de grande superficies comerciais e mire máis polos comerciantes e vendedores da praza de abastos

novo-mercadoO concelleiro do BNG, Xosé Magariños, amosouse moi crítico coa intención do goberno municipal de proceder ao traslado escalonado dos praceiros e praceiras da praza provisional á nova. “Iso é matar a praza”, manifestou o concelleiro nacionalista “non pode ser que uns fiquen na praza provisional e outros se vaian para a nova”.

Neste sentido, o concelleiro nacionalista afirma que “coincidimos plenamente cos praceiros e praceiras que tampouco están de acordo con facer un traslado escalonado como pretende o alcalde os seus”. “O PP gastou 1.3 millóns de euros en remodelar a praza e agora quere tirar con este investimento cun traslado a conta gotas que nin os praceiros e praceiras entenden e tampouco entenderían os veciños e veciñas que van comprar a ela todos os días”.

“Ou todos ou ningún”, engadiu Magariños, para quen o grupo municipal do PP, “está improvisando e facendo unha chapuza como fixo coa construción do Novo Mercado, cuxa remodelación tardou máis tres anos, e despois de inaugurada, apareceron todo tipo de defectos, moitos deles intolerábeis nunha estrutura de recente construción”.

“Esta estratexia que nos cualificamos de errada demostra, que o que denunciamos no seu día era certo”, engadiu Magariños, “que o Novo Mercado aínda non está preparado para acoller a todos os praceiros e praceiras polos problemas que aínda ten, máis dun mes despois da inauguración oficial”.

Por outra parte, o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, “esixiu ao alcalde que aparque o seu papel de axente comercial de grandes superficies comerciais e mire máis polos comerciantes e vendedores da praza de abastos e teña en conta a súa opinión a respecto do traslado ao Novo Mercado, é a súa obriga como alcalde”.

Advertisements