O BNG solicita por escrito a certificación de final de obra da desfeita de Barcala


Magariños “estamos ante un delito moi grave e vamos esixir responsabilidades até as últimas consecuencias”

O BNG da Estrada vén de solicitar formalmente a certificación de final de obra da desfeita da praia fluvial de Barcala. O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, indicou “vamos a atar en curto ao goberno do PP nesta cuestión, estamos ante unha situación moi grave e vamos esixir responsabilidades até as últimas consecuencias”.

O concelleiro do BNG explicou que “en teoría o proxecto do plan de mellora durou apenas catro días, co cal entendemos que esta xa rematou, a pesar de que o cartel que figura a pé de praia indica o contrario; por iso no BNG consideramos que é importante saber se esta obra se pagou ou non á empresa adxudicataria”. “De estar pagada esta nova chapuza do PP”, engadiu Magariños, “estaríamos ante un feito moi grave, xa que o goberno municipal estaría pagando unha obra que non se axusta ao proxectado”.

“Por outra parte”, afirmou Magariños, “se os mecanismos de control das outras administracións implicadas funcionan (Xunta e Goberno central), o goberno do PP pode atoparse con que teña que devolver a parte da subvención correspondente, uns 19 mil euros; é dicir, que estaríamos ante o mesmo caso da subvención 50 mil euros que o goberno municipal tivo que devolver a AGADER tamén porque a obra non se axustaba ao proxecto”.

“Temos un goberno do PP chapuceiro”, afirmou o concelleiro nacionalista, “e a execución deste plan de mellora da praia fluvial de Barcala demóstrao unha vez máis, coa agravante de que estamos ante un delito ecolóxico, como denunciamos no seu momento”. “Este delito ecolóxico, perpetrado polo goberno do PP non quedará impune nas vindeirtas eleccións municipais do 24 de maio”, engadiu Magariños, “as veciñas e veciños que coñeceen esta fermosa paraxe do río Ulla tomarán boa nota e agardamos que as autoridades medio ambientais da Xunta de Galiza fagan o seu traballo e sancionen ao concello e obriguen ao goberno municipal a restaurar da desfeita producida”.

Advertisements